¿Como detectar e combater a gastroenterite?

É unha patoloxía leve que adoita durar 48 horas, pero moi contaxiosa
Dolor abdominal. PIXABAY
photo_camera Dor abdominal. PIXABAY

O Concello de Ponteceso (A Coruña) aconsella á poboación que por precaución se absteña de beber auga da traída en Corme tras detectarse un brote de gastroenterite que afecta a 27 persoas na localidade. É unha patoloxía leve que adoita durar 48 horas, pero moi contaxiosa. 

¿Que é?

A gastroenterite é unha inflamación dunha membrana interna do intestino e do estómago causada maioritariamente por un virus, aínda que tamén poden provocala bacterias e parasitos. Ambos os órganos perden a súa capacidade de absorción e secreción de sales minerais e auga.

¿Como se contrae?

É moi contaxiosa. Os virus poden estar presentes en calquera sitio: nas mans, os cubertos, a cociña... é común contraela por contacto directo coa persoa enferma ou por compartir con ela a comida ou a bebida, pero en ocasións son os propios alimentos os que están contaminados e é a súa inxesta a que provoca a enfermidade. É por iso que no caso de Corme recomendan non consumir a auga da rede de abastecemento, ao considerar que aí se atopa a orixe do brote.

¿Cales son os síntomas?

Xeralmente adoita ir acompañada de diarrea, náuseas, vómitos ou cambras abdominais, pero non teñen por que darse todos os síntomas. Tamén é posible que se produzan cefaleas, dores musculares ou articulares, fatiga e incluso febre, pero non necesariamente.

O maior risco que carrexa é o de deshidratación, que pode terminar en ingreso hospitalario nos casos máis agudos. Esta perda de líquidos maniféstase á súa vez cos seus propios síntomas, como a boca seca ou pegañenta; a pel seca e engurrada; ausencia de bágoas ao chorar; ollos afundidos; redución da ouriños e cor máis escura destes.

¿Quen pode contaxiarse?

Calquera pode padecer a enfermidade, pero teñen máis risco de padecela os nenos menores de dous anos, anciáns e as persoas co sistema inmunitario debilitado. É unha síndrome moi común, máis frecuente en épocas de inverno (durante as estacións chuviosas).

¿Como previla?

A hixiene e a limpeza son a mellor receita para evitar a transmisión destes virus. É importante lavarse as mans con regularidade e manter os cubertos e outros obxectos da cociña limpos como medida de prevención. Tamén lavar e enjuagar ben as verduras e as froitas.

Consellos para superala

Normalmente, non se require ningún tipo de medicación nin existen tampouco medicamentos específicos. Nun par de días adoita remitir de forma espontánea, aínda que nalgúns casos pode prologarse durante dez ou quince días.

Si existen fármacos para tratar os síntomas, para cortar os vómitos ou a diarrea, pero sempre debe prescribilos un médico.

Inxerir líquidos. Auga cun chisco de sal e limón, bebidas isotónicas, infusións... sempre a grolos curtos e con intervalos de dez minutos ou media hora. Aínda que apreme a sede, hai que rehidratarse amodo, porque se se bebe moi rápido provócanse máis vómitos

Posto que o máis importante é combater a deshidratación, tamén é posible recorrer a soros orais que acheguen os sales minerais que o corpo está a perder coa diarrea ou os vómitos.

Unha dieta astrinxente axuda a facilitar a absorción da auga e os sales minerais. Mentres perduren os síntomas é recomendable evitar os lácteos (un té ou unha infusión) e tomar alimentos como arroz cocido, peituga de polo á prancha, pescada fervida ou xamón cocido. Tamén algunhas froitas, como o plátano ou a mazá pelada.

Repouso. Un bo descanso é fundamental para repor as enerxías.

Comentarios