Unha incidencia do operador de telecomunicacións R deixou este xoves durante horas os seus clientes sen servizo de internet fixo e móbil en Galicia. A compañía, que confirmou que o problema xa fora emendado, anunciou que regalará 20 xigas nas liñas de móbil afectadas, "independentemente dá compensación legal correspondente".
O fallo, que afectou a todos os seus clientes, rexistrouse á primeira hora da mañá. "Existe un problema que afecta o servizo de internet fixo e móbil en toda Galicia", indicaba R, que precisaba que os técnicos estaban a traballar "para solucionalo canto antes".
Ao redor das 10.00 horas, o servizo empezou a recuperarse lentamente e de forma gradual. R pediu desculpas polos inconvenientes que esta incidencia ocasiónó aos seus clientes, entre os que se atopan particulares, empresas e administracións.
Aínda que nada pode compensar as molestias de hoxe, queremos agradecer a túa confianza con 20GB de datos. Regalámosche 20 xigas de internet móbil nas liñas afectadas. Dende mañá e ata o 22/02/20. Independentemente da compensación legal correspondente. Grazas e desculpa de nova.
— R (@os_de_R) January 30, 2020
A incidencia xa está en proceso de solución. Estamos a recuperar o servizo de internet fixo e móbil de forma gradual, polo que en breve deberíades ter conexión. Pedimos de novo perdón polos problemas ocasionados.
— R (@os_de_R) January 30, 2020
No caso de que non teñades conexión a internet no móbil, activade e desactivade o modo avión. Así recupera a conexión.
— R (@os_de_R) January 30, 2020