O Concello de Carral, condenado por despedir unha embarazada

A muller traballaba como falsa autónoma 
 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou o Concello de Carral á inmediata readmisión dunha empregada embarazada, que estivo anos traballando como falsa autónoma, e a abonarlle os soldos que deixou de cobrar, así como unha indemnización, informou a CIG.

Segundo asegura o sindicato, o alto tribunal galego declarou a nulidade do despedimento da empregada do servizo informático do Concello por considerar que se vulneraron os dereitos fundamentais da traballadora ao ser despedida por reclamar que se lle recoñecese a relación laboral coa Administración local.

Os feitos remóntanse a finais do 2017, cando a muller, estando embarazada e de baixa médica, decidiu iniciar unha reclamación administrativa para que o Concello lle recoñecese a relación laboral, pois traballaba desde 2011 cun contrato de autónoma. O Goberno municipal, segundo indica a CIG nun comunicado, rexeitou recoñecerlle a condición de persoal asalariado e comunicoulle que prescindía definitivamente dos seus servizos.

Nese momento, a traballadora presentou unha denuncia no Xulgado do Social que determinou que existía relación laboral e cualificou o despedimento de improcedente. Con todo, a central sindical recorreu a sentenza no TSXG, que si entende que houbo unha vulneración de dereitos por dous motivos: por ser despedida estando embarazada e por comunicar o despedimento xusto despois de que presentase a reclamación administrativa e unha denuncia na inspección de traballo. 

Comentarios