O Concello coruñés pide retirar as charlas antivacinas de Biocultura

A organización comprometeuse a suprimir do cartel estas xornadas

Xulio Ferreiro. CABALAR (EFE)
photo_camera Xulio Ferreiro. CABALAR (EFE)

O Concello da Coruña solicitou á Asociación Vida Sana, organizadora da Feira Biocultura do 2 ao 4 de marzo, a retirada da programación de varias charlas antivacinas, polo que previsiblemente non se impartirán neste marco, informan a Efe fontes municipais.

A organización comprometeuse a retirar do cartel estas xornadas, que o 3 de marzo expuñan reflexionar sobre a vacinación sistemática Que son as vacinas, que conteñen e como funcionan, Pediatría natural e hixienista, Pautas básicas para as familias que vacinan por primeira vez e Presentación da nova teoría infecciosa e ecolóxica.

O Consistorio colabora na celebración da Feira Biocultura e contará cun expositor específico de Medio Ambiente para publicitar as políticas ambientais municipais, sobre todo as relacionadas con novo modelo de recollida de residuos impulsado polo goberno local.

Ademais, o Consorcio de Turismo tamén colabora coa celebración deste evento, asumindo o custo do aluguer do espazo no que se realiza, dado que este evento está relacionado coa estratexia de promoción da Coruña como destino verde, e como zona de produción ecolóxica, engaden as fontes.

Entre outros apoios, a feira conta co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica e, a través deste ente, da Xunta de Galicia, que facilita a posta en marcha do evento con achegas económicas. Pola súa banda, a Deputación da Coruña anunciou este xoves que non participará nin apoiará economicamente o evento porque o programa inclúe "cuestións polémicas e que poden entrañar riscos para a saúde pública, como as charlas antivacinas".

Así o anunciou este xoves o deputado responsable da área de Promoción Económica da institución provincial, José Luís García, tras coñecerse o programa do evento e antes de facerse pública a petición de retirada destas charlas.

Desde a Deputación da Coruña apuntouse ao firme compromiso coa promoción dos produtos ecolóxicos coruñeses, demostrado "nas múltiples accións que realizamos en numerosas feiras e eventos dentro e fóra da nosa provincia", indica nun comunicado. "Pero a Deputación non pode avalar coa súa presenza cuestións que nada teñen que ver co sector e que carecen do máis mínimo rigor científico, polo que a Feira Biocultura non contará con expositor da Deputación", engade.

García precisou que a institución provincial "non organiza, patrocina, nin financia o evento, nin terá participación ningunha no mesmo".

Esta feira foi presentada o pasado 20 de febreiro pola concelleira de Medio Ambiente do Concello coruñés, María García, acompañada pola vicepresidenta do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, Rocío Freire, e da presidenta da Asociación Vida Sana, por Ángeles Parra, a ONG que organiza a feira, que espera a asistencia dunhas 13.000 persoas. No evento está prevista a participación de 202 empresas con 500 referencias a produtos ecolóxicos.

A edil subliñou a categoría deste evento na Coruña que chega con "intención de quedar", e que é "un espello no que nos queremos mirar" porque son moitas as iniciativas que aborda ao mesmo tempo, como o emprego, melloras ambientais en sectores de produción e manter o rural vivo. Pola súa banda, a presidenta da asociación Vida Sana destacou a presenza en Galicia por primeira vez desta feira, onde "notamos que nos queren e aquí estamos para dalo todo".

Comentarios