O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, afirmou que o departamento de servizos do Concello "está a buscar os documentos" que acrediten ou non a propiedade da tumba da familia Franco Baamonde situada no cemiterio municipal de Catabois, para unha posible adquisición.
O rexedor, que considerou "importante" coñecer o pasado da cidade, respondeu ás críticas recibidas o xoves desde as filas nacionalistas, onde Iván Rivas acusouno de non querer aplicar a Lei de Memoria Histórica. "Ninguén nos vai a dar leccións do que é a loita antifranquista, pero non queremos que se faga disto unha cuestión demagóxica", sentenciou.
Jorge Suárez reiterou, este venres, que a intención do goberno municipal é que non se faga un mausoleo á figura dun ditador", aínda que recordou que o que se faga cos restos mortais de Francisco Franco é "un tema privado".
RETIRADA DOS SÍMBOLOS FRANQUISTAS. Outra das peticións do BNG, que se debaterá no pleno ordinario de xullo, será a retirada dos símbolos franquistas aínda existentes en Ferrol, en virtude da aplicación da Lei de Memoria Histórica.
Jorge Suárez afirmou que esta cuestión xa a tiñan no seu programa electoral, no que se comprometeron a eliminar "todo vestixio da etapa franquista".