Conde anuncia 1,2 millóns para desenvolver drons que vixíen os montes galegos

Vixiaranse aspectos como o control das franxas de seguridade ou a loita contra as pragas

Francisco Conde, nunha imaxe de arquivo. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Francisco Conde, nunha imaxe de arquivo. OLGA FERNÁNDEZ

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, confirmou que nas “próximas semanas” a Xunta de Galicia sacará a licitación un contrato, por un importe de 1,2 millóns de euros, para desenvolver a tecnoloxía que se necesita para a utilización de drons na vixilancia dos montes galegos, en aspectos como o control das franxas de seguridade ou a loita contra as pragas.

“Entramos nunha nova fase, na que se están desenvolvendo os diferentes proxectos, e nas próximas semanas resolveremos as primeiras licitacións que permitirán novos desenvolvementos vinculados a Rozas”, precisou o conselleiro en declaracións a Efe nun acto en Lugo.

“Estamos a falar das licitacións de compra pública innovadora”, incidiu, que van supor “unha maior participación de pequenas e medianas empresas” no polo tecnolóxico de Rozas desde o punto de vista “do desenvolvemento de novos produtos”.

Unha desas licitacións, matizou, será “no ámbito forestal”, cun contrato de 1,2 millóns de euros para desenvolver a tecnoloxía necesaria para realizar un “inventario forestal galego”, achegar información sobre o estado das “franxas de seguridade” e contribuír ao control “de diferentes pragas” que están a incidir sobre os montes galegos neste momento.

“Un investimento de 1,2 millóns de euros para aplicar os drons, todo o coñecemento de I+D que se está desenvolvendo en Rozas, ao sector forestal galego”, concluíu.

Comentarios