Condenado a 12 anos de cárcere un acusado de atracar unha gasolineira e disparar a un empregado

O home foi condenado a máis de doce anos de prisión
Audiencia Provincial de A Coruña. AEP
photo_camera Audiencia Provincial de A Coruña. AEP

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, condenou a doce anos e dous meses de cárcere a un dos dous sospeitosos de atracar unha gasolineira situada na AC-550, no termo municipal de Ribeira, en xaneiro de 2019. Os xuíces absolveron ao outro acusado porque aseguran que non quedou probada a súa participación nos feitos.

O tribunal considera acreditado que o condenado disparou nunha perna ao empregado da estación de servizo á que se desprazou nunha motocicleta que subtraeu previamente dunha vivenda. Á vítima do disparo, que tiña 22 anos, quedáronlle graves secuelas, polas que o procesado deberá abonar unha indemnización de 82.000 euros, segundo a decisión do tribunal.

Os maxistrados considerárono culpable dun delito de roubo con forza en casa habitada e doutro de roubo con violencia, co agravante de disfrace, así como dun delito de lesións con deformidade, co agravante de aleivosía, e doutro de tenencia ilícita de armas, coa concorrencia da atenuante de drogadicción.

"O uso da arma de lume por parte do acusado de forma sorpresiva cando a vítima se achaba enfronte del, sen posibilidade de defensa é, sen dúbida, un ataque alevoso, non só polo inesperado e imprevisible da agresión, senón tamén pola propia forma de executala, eliminando todo risco de reacción defensiva por parte da vítima", subliña a Audiencia na sentenza.

Por outra banda, a sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña condenou a un home que agrediu a outro cun pau a dous anos de cárcere como autor dun delito de lesións por deformidade. O tribunal tivo en conta a atenuante moi cualificada de dilacións indebidas. Ademais da pena de prisión, impúxolle o abono dunha indemnización de 9.730 euros. Os feitos sucederon en febreiro de 2016 nas inmediacións dun bar de Vedra.

Comentarios