Condenado a 26 anos e medio de cárcere o home que asasinou á súa muller en Cabana

A sentenza contempla que concorren as agravantes de xénero e de parentesco
O acusado de matar á súa muller ao dispararlle tres veces en Cabana, durante un xuízo. EFE
photo_camera O acusado, durante o xuízo. EFE

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, condenou a 26 anos e medio de cárcere e a dez anos de liberdade vixiada ao home que asasinou á súa muller no municipio coruñés de Cabana de Bergantiños, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Así, sentenciouno a 24 anos de prisión polo delito de asasinato, un ano menos do que pedían a Fiscalía, a acusación popular, exercida pola Xunta, e a particular, que representaba aos fillos e nai da vítima. Como solicitaban estas partes, fronte á defensa que alegaba "arrebato" e "obcecación", ademais de solicitar a atenuante de "embriaguez", a sentenza contempla que concorren as agravantes de xénero e de parentesco. 

Disparou en tres ocasiones á vítima "de maneira súbita e inesperada", polo que non puido defenderse

Á pena de asasinato, suma dous anos e medio de cárcere polo delito de tenencia ilícita de armas, despois de que a muller falecese a consecuencia de tres disparos realizados por detrás, segundo ratificaron axentes da Garda Civil no xuízo, cunha arma que o home trouxera ilegalmente a España. Ademais, imponlle a prohibición de comunicarse e achegarse a menos de 500 metros dos seus dous fillos, da nai e do tres irmáns da vítima durante 27 anos.

PROBAS. As probas tidas en conta polo xurado, segundo a Audiencia, permiten "inferir de maneira clara e contundente" que o acusado disparou en tres ocasiones á vítima "de maneira súbita e inesperada", polo que non puido defenderse. "O carácter sorpresivo da agresión é o que suprime a posibilidade de defensa, posto que quen non espera o ataque dificilmente pode prepararse contra el e reaccionar, na medida do posible", subliña. 

O tribunal do xurado tamén considerou probado por unanimidade que o acusado maltrataba psicoloxicamente de maneira habitual á súa esposa e, en ocasións, fisicamente, así como que "a menosprezaba e ninguneaba, exercendo un control sobre ela". Sobre os 24 anos de prisión que lle impón polo delito de asasinato, o fallo ten en conta que o home, que confesou disparar á súa muller, pero que o atribuíu, como a súa avogada, a un "arrebato", non ten antecedentes penais. 

Comentarios