Condenado a cinco anos de cárcere por agredir a dous irmáns nun bar de Ourense

O tribunal tamén impuxo unha multa aos irmáns por un delito de lesións cara ao procesado

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a cinco anos de cárcere a un home como autor de dous delitos de lesións, por golpear a dous irmáns nun bar da cidade. Ademais, impúxolle unha indemnización de 3.000 e 2.000 euros para cada un dos dous respectivamente, e para o Sergas de 13.258,73 euros. 

O tribunal tamén impuxo a cada un dos dous irmáns o pago dunha multa de 720 euros, por cometer un delito de lesións cara ao procesado, e o abono dunha indemnización conxunta ao afectado de 640 euros. 

Segundo consta na sentenza os feitos sucederon sobre as 23.10 horas do día 18 de marzo de 2016, nun bar na rúa Júpiter de Ourense. Alí, atopábanse dous irmáns, sen antecedentes penais, e outro cliente, que vía no seu móbil un vídeo. 

Cando este cliente decidiu mostrarlle o vídeo aos dous irmáns, un deles propinoulle unha labazada porque dicía que lles faltou ao respecto", segundo reflexa sentenza. Acto seguido, o agredido abandonou o local, pero antes contoulle o ocorrido ao home condenado, de 51 anos de idade, e con antecedentes "penais non computables a efectos desta causa". 

Segundo o auto, o home acusado levantouse da súa mesa e dirixiuse aos dous irmáns. O mesmo que lle pegou ao cliente do vídeo propinoulle unha labazada, o que deu lugar a unha liorta. O procesado, cun coitelo, causoulle aos irmáns "diversos cortes e picadas". 

De acordo coa sentenza, os irmáns sufriron danos corporais consistentes en feridas de diversa índole. Pola súa banda, o acusado tivo varias contusións.