Condenado a nove anos na Coruña por violar durante anos á súa filla menor de idade

A avoa e a nai da pequena quedaron absoltas a pesar de que a Fiscalía as acusaba de permitir as agresións, repetidas cunha frecuencia "practicamente semanal"

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a nove anos e tres meses de cárcere a un home por agredir sexualmente á súa filla, nacida en 2005, durante un período de tempo indeterminado, pero polo menos entre 2013 e 2016, cunha frecuencia "practicamente semanal".

A Fiscalía tamén acusaba á avoa e á nai da menor por presuntamente permitir as agresións no domicilio familiar, situado no Partido Xudicial de Carballo, pero ambas foron absoltas, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O tribunal considera non acreditado que a avoa paterna "tivese constancia de que a nena era abusada, agredida" e "tiña como prioridade, dada a súa simpleza, a defensa da fama da familia, do seu propio fillo".

En canto á nai, os xuíces conclúen que "non soubo reaccionar" debido a que padece unha discapacidade intelectual leve e "polo ambiente familiar no que se atopaba, de absoluta anulación".

Ademais, a Audiencia tamén lle impuxo ao acusado dez anos de liberdade vixiada, a privación da patria potestade respecto dos seus tres fillos menores e a prohibición de comunicarse por calquera medio e aproximarse a eles durante quince anos.

Os xuíces relatan que a convivencia do núcleo familiar "estivo presidida polos comportamentos violentos do condenado cos demais membros da familia, polas condicións económicas precarias, pola mínima capacidade dos adultos para a solución dos conflitos, pola simpleza dos seus carácteres e polo illamento social".

Todos estes problemas, segundo o tribunal, estiveron "aburados polo habitual consumo, abusivo, de alcol por parte deses adultos, dos tres, quen chegaban, con frecuencia, á bebedeira".

O xuízo celebrouse a porta pechada os días 23 e 24 de outubro na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña.