A Sección 1ª da Audiencia Provincial da Coruña condenou a doce anos de cárcere a un home que acoitelou á súa exparella en xullo de 2017 no interior dun coche estacionado en Santiago de Compostela, á beira da Alameda, porque se negou a retomar a relación con el.
Os xuíces consideran acreditado que a intención do sospeitoso era “acabar coa súa vida” cando lle cravou unha navalla “varias veces con forza”, sen que a vítima nin a súa cuñada, que estaba dentro do turismo, puidesen deter os golpes.
O tribunal considerouno culpable dun delito de homicidio en grao de tentativa cos agravantes de parentesco e de discriminación por razón de xénero, así como dun delito de malos tratos habituais sobre a muller e doutro continuado de ameazas leves de xénero.
Ademais, impúxolle oito anos de liberdade vixiada e a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima durante 20 anos.
O condenado tamén deberá indemnizar á afectada con 120.000 euros polas lesións, incapacidade, secuelas e dano moral que lle causou.
Con todo, a Fiscalía solicitaba no seu escrito de cualificación unha condena de vinte anos e once meses de prisión por delitos de asasinato en grao de tentativa, malos tratos habituais, lesións e ameazas.
Os feitos ocorreron o 24 de xullo de 2017 cando o condenado, un home de nacionalidade rumana, apuñalou á súa exparella, unha moza que tiña 21 anos no momento dos feitos e tamén nacida en Rumanía.
Un axente da Policía Nacional de paisano conseguiu sacalo fose do vehículo.
O condenado e a súa exparella atopáronse en Santiago de Compostela porque acudiran á cidade, cada un pola súa conta, para vender produtos en postos rueiros.