Os condutores do 'Telexornal Serán', Alfonso Hermida e Tati Moyano, presentan a súa dimisión

Alegan "discrepancias coa liña informativa" da TVG. Os xornalistas continuarán no posto ata o arranque da tempada de outono

Tati Moyano y Alfonso Hermida. FACEBOOK
photo_camera Tati Moyano e Afonso Hermida. FACEBOOK

Alfonso Hermida e Tati Moyano, condutores do Telexornal Serán de TVG, comunicaron a súa dimisión o pasado venres por discrepancias "coa liña informativa".

Así o comunicou o sindicato CUT da CRTVG, que indica que os presentadores continuarán no posto ata o arranque da tempada de outono.

"A ver a quen encontran para substituir a estes profesionais con dúas décadas de experiencia, que disque un informativo pode conducilo calquera", apunta o sindicato que agradece a "dignidade" mostrada por ambos os profesionais "tan necesaria nestes momentos".

'VENRES NEGRO'. O persoal da CRTVG está a secundar todos os venres unha campaña en solidariedade cos seus compañeiros de TVE, que denuncian a manipulación informativa do medio e esixen a creación do Consello de Informativos. 

INFORMATIVOS LOCAIS. A dimisión de Hermida e Moyano prodúcese ademais nun momento de especial tensión entre os traballadores e a dirección da entidade pública. Precisamente, este martes o comité intercentros da CRTVG entregou ao director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, máis de 550 firmas de empregados que demandan "a continuidade da emisión dos informativos locais na Radio Galega que a dirección vai suprimir a partir do 9 de setembro". Solicitan ademais "o reforzo das delegacións territoriais, minguadas de persoal e sen técnicos de control, para ofrecer a información de proximidade con maior calidade".

Comentarios