As conclusións da investigación do accidente do Alvia, pendentes do adianto electoral

O Congreso prorroga por tres meses os traballos da comisión ►Os exministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor foron os últimos comparecentes

Curva de A Grandeira. AEP
photo_camera Curva da Grandeira. AEP

A elaboración das conclusións da comisión do Congreso que investiga o accidente do tren Alvia ocorrido o 24 de xullo de 2013 en Angrois dependerá dos prazos que marque unha eventual convocatoria de eleccións xerais. En calquera caso, o pleno aprobou este mércores prorrogar por tres meses, ata maio, os traballos do órgano que preside o deputado do PDeCAT Feliú Guillaumes. 

Con esta nova prórroga, en principio a comisión contará con tres meses para continuar as súas pescudas, coa previsión de ter aprobadas as súas conclusións a mediados de maio. Aínda ten que recibir ás vítimas, ás que ofreceu unha intervención a porta pechada tras pedir elas unha última comparecencia en aberto. 

O organismo que analiza o sinistro que se cobrou 80 vidas e deixou a 144 persoas feridas na curva da Grandeira, na capital galega, botou a andar o pasado 10 de xullo, case cinco anos logo da traxedia e tras estar meses varada ante a incapacidade dos grupos de porse de acordo sobre quen debía presidila. 

O pasado luns, os exministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor protagonizaron as últimas comparecencias, nas que o primeiro negou présas para inaugurar a liña e ambos ciñeron ao ámbito técnico calquera medida que puidese supor unha diminución da seguridade na mesma.

O regulamento do Congreso establece que as comisións non permanentes, as que se crean para un traballo concreto, "extínguense á finalización do traballo encomendado e, en todo caso, ao concluír a lexislatura". Un artigo moi similar recolle o regulamento do Parlamento galego, que indica que estas comisións se extinguen ao finalizar o seu obxecto e, en todo caso, ao concluír a lexislatura". 

Na comunidade galega existe o precedente da comisión de investigación das caixas de aforro galegas, que, aínda cambiando de lexislatura, volveu votarse, a constituírse e retomou os traballos no punto no que quedara con anterioridade. 

COMPARECENTES. A comisión púxose en marcha no Congreso o 18 de abril de 2018, sete meses logo da súa aprobación. Durante case nove meses compareceron case medio centenar de altos cargos do Ministerio de Fomento, Renfe, Adif, así como técnicos e expertos, asociacións de vítimas ou o propio maquinista.

O maquinista daquel Alvia foi dos primeiros en acudir -en xullo de 2018- e asegurou que se tratou dun "accidente anunciado" porque toda a seguridade da liña e na curva de Angrois onde se produciu a catástrofe quedaba "só nas súas mans".

Comentarios