Conta atrás para o xuízo do ano

A vista polo crime de Diana Quer arrinca en dez días en Santiago, onde un xurado popular escoitará a case un centenar de testemuñas e peritos para dilucidar se O Chicle violou e matou á moza
Juicio del Chicle
photo_camera Xuízo do Chicle

A conta atrás para un dos xuízos máis mediáticos da historia de Galicia activouse. En dez días, José Enrique Abuín Gey El Chicle volverá sentar no banco da sala de vodas dos xulgados de Santiago por raptar a Diana Quer o 22 de agosto de 2016 no paseo do Areal na Pobra e levala contra a súa vontade, no maleteiro do seu coche, ata unha nave abandonada en Asados (Rianxo) para violala e asasinala. Así o recolle a Fiscalía no seu escrito –no que pide prisión permanente revisable–, aínda que serán os nove membros do xurado popular os que deberán determinalo logo de escoitar as declaracións de medio centenar de testemuñas –ademais do acusado e os pais da moza madrileña– e as apreciacións dun total de 40 peritos.

Son, con todo, menos que os 80 testemuñas e 60 peritos que desfilaron pola mesma estancia hai catro anos no xuízo polo crime de Asunta, o único proceso comparable ao de Diana Quer na crónica negra recente de Galicia tanto pola amplitude do sumario como pola expectación levantada, ademais de por ser a vítima unha muller nova. As similitudes non acaban aí, pois o encargado de defender os intereses da familia da moza madrileña, como acusación particular, será o letrado ferrolán Ricardo Pérez Lamba, o mesmo que exerceu a acusación popular contra Rosario Porto e Afonso Basterra. Os intereses do Chicle defenderaos de oficio a avogada María Fernanda Álvarez.

XUíZO POLO INTENTO DE RAPTO. Un e outro mostraron ata o momento un perfil discreto ante a prensa, moi afastado da vertente mediática de José Luís Gutiérrez Aranguren no caso Asunta. No de Diana Quer, os focos pousaranse sobre os pais da vítima, inmersos en crúas disputas familiares, así como no comportamento impredicible do Chicle, que hai medio ano foi xulgado na mesma sala de vodas polo intento de rapto doutra moza en Boiro en 2017, un caso polo que foi condenado a un lustro entre reixas e que no seu día precipitou a súa detención polo caso Quer.

Nesa vista oral, celebrada o pasado mes de abril, Abuín Gey –que xa se atopa en Teixeiro– fixo gala dunha actitude pasivo-agresiva, parecendo quedar durmido a intres e vertiendo estrambóticas declaracións sobre os gardas civís que o investigaron, a máis diso unhas palabras de perdón cara aos pais de Diana Quer cargadas de enigma nun proceso que, recordemos, non xulgaba o crime da moza senón o intento de rapto.

Aínda que esa vista oral ben puido servir de precuela da que se aveciña, pois na sala estaba presente Juan Carlos Quer, quen asistiu voluntariamente como público e protagonizou escenas de tensión ao pousar a súa mirada durante minutos sobre un impasible Abuín. En dez días esta hostilidade podería repetirse, e non só entre o pai de Diana e o acusado, senón tamén entre o primeiro e o seu exmuller.

De todo o que ocorra na sala estarán pendentes os 28 medios de comunicación de todo o país acreditados para cubrir o que se presume o xuízo máis mediático do ano en Galicia e tamén en España, á vez co de Ana Julia.

PAIS E EXMULLER DE ABUÍN. De entre todos os testemuños previstos, son especialmente esperados os de cinco familiares do Chicle que declararán o mércores 30 de outubro. Espérase que acudan tanto os proxenitores como a xa exmuller do acusado, Rosario Rodríguez, quen chegou a estar procesada por encubrimento nos compases iniciais do caso.

Aínda que o punto álxido espérase para un día antes, cando sairán ao estrado Abuín Gey e os pais de Diana. Nas xornadas posteriores declararán, entre outros, a mariscadora que atopou o iPhone da vítima baixo o viaduto da autovía e numerosos amigos da moza.

O TSXG prevé que "o 11 ó 12 de novembro" o presidente do tribunal, o maxistrado Ángel Pantín, entregue o obxecto de veredicto.

Comentarios