As contas de Sanidade incrementan persoal e duplican o investimento

O obxectivo é lograr unha "renovación integral" do Sergas
O conselleiro García Comesaña. EP
photo_camera O conselleiro García Comesaña. EP

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou este luns na Comisión de Facenda os orzamentos do seu departamento para o ano 2021, unhas contas que superan os 4.500 millóns de euros e nas que destacou o incremento previsto de persoal e as partidas de investimento, que se duplican, para lograr unha "renovación integral" do Servizo Galego de Saúde. 

De forma global, os orzamentos de Sanidade para o ano que vén alcanzan os 4.587 millóns de euros, o que supón 478 millóns máis que o ano anterior, un crecemento do 11,6%. 

Con iso, recordou Comesaña, o seu departamento xestionará o 40% do total do gasto que a Xunta prevé desenvolver ao longo do próximo ano, o que evidencia o "nivel de prioridade" desta área. 

Máis en detalle, o gasto en persoal increméntase en 154 millóns, o que supón un 8,5% máis, como consecuencia da creación de prazas para os plans de Atención Primaria, de Hospitalización a Domicilio, e de Saúde Mental; así como para o desenvolvemento da carreira profesional, e para un fondo de continxencia, dotado con 115 millóns de euros, co obxecto de financiar as necesidades de persoal que a pandemia requira. 

O apartado dedicado aos concertos coas entidades privadas, dixo Comesaña, mantense conxelado

Máis en particular, o conselleiro destacou o incremento de persoal de atención hospitalaria, dun 7,9%, e, especialmente, o de Atención Primaria, que se eleva ata case o 11%. 

Tamén puxo o foco nunha ampliación dun 40% no apartado de bens correntes e servizos, o que supón 45 millóns de euros máis no concepto de 'outro material sanitario' dos programas de primaria e hospitalaria, que se corresponde con EPIs para afrontar a covid; e outros 18 millóns de euros máis para as partidas de material de laboratorio, co fin de enfrontar as necesidades da pandemia. 

O apartado dedicado aos concertos coas entidades privadas, dixo Comesaña, mantense conxelado. Con iso, o gasto do Sergas en asistencia con medios alleos seguirá por baixo do 5% do total, (no 4,84%). Pola contra, si aumenta, en 10 millóns de euros, a partida destinada ao transporte sanitario non urxente, pendente dun novo concurso. 

A partida que financia as unidades de apoio comunitario correspondentes ao Plan de Saúde Mental crece 467.000 euros respecto do ano anterior, e chega aos 6,6 millóns. Ademais, outros 4,7 millóns destinaranse aos concellos galegos para abordar a problemática causada polas drogas.

En atención hospitalaria, renovarase a súa infraestrutura e os investimentos neste apartado incrementaranse un 130%, pasando de 90 a 207 millóns

UNHA RENOVACIÓN INTEGRAL DO SERGAS. Por outra banda, indicou o conselleiro, os apartados dedicados a investimentos duplícanse, pasando dos 175 millóns a máis de 350. Con estes orzamentos, remarcou García Comesaña, preténdese arrincar "unha renovación integral do Servizo Galego de Saúde". 

En atención hospitalaria, renovarase a súa infraestrutura e os investimentos neste apartado incrementaranse un 130%, pasando de 90 a 207 millóns. 

Así, enumerou, destinaranse 24 millóns para continuar coa obra do plan director do Hospital de Ferrol; 19,3 millóns para o novo Chuac; 13,5 para o gran Montecelo; 10 para o Hospital de Santiago --pendente, entre outras cousas, da renovación da UCI--; 9 para continuar co plan director do Hospital de Ourense; 5,5 para o Hospital do Meixoeiro; e 2,7 para o Álvaro Cunqueiro. 

Por outra banda, o conselleiro referiuse tamén aos hospitais comarcais e " clara aposta" do Goberno galego para "potencialos", cun investimento superior aos 6 millóns de euros. 

García Comesaña referiuse, así mesmo, a unha partida de 60 millóns para renovar o equipamento sanitario

En Atención Primaria, os investimentos recollen un incremento do 108%, pasando de 26 a case 55 millóns. Nesta partida están fondos como os 9,2 millóns para o comezo da obra do CIS de Lalín; 5,9 para a continuación das obras do CIS do barrio da Residencia en Lugo; 2,5 para un novo CIS en Ourense; un millón para finalizar o centro de saúde de Bouzas, e outro millón para iniciar o CIS Olimpia Valencia, tamén en Vigo. 

Igualmente, están previstas actuacións para finalizar os centros de saúde de Narón, Melide, O Saviñao, para ampliar o do Porriño ou para un novo centro en Antas de Ulla, entre outros. 
Así mesmo, resérvase unha partida orzamentaria de 1,1 millóns para a redacción dos proxectos de novos centros de saúde que están pendentes de pasos por parte dos seus respectivos concellos. 

Tamén se contemplan reformas, por valor de 3,9 millóns de euros, en centros de saúde como o de Conxo, en Santiago; Bertamiráns; Ribadavia; San Roque, en Vilargarcía; Ortigueira; Arnoia; e Ribeira. Esta partida inclúe, igualmente, 1,2 millóns para novas reformas que se vaian formulando ao longo do ano. 

Paralelamente, as contas tamén destinan outras partidas a actuacións prioritarias en centros de saúde, como os 20 millóns de euros reservados para adaptacións relacionadas co tratamento da covid (creación de circuítos, salas separadas ou ventilación) e os 3,2 millóns destinados a actuacións de climatización en diversos centros. 

En materia de saúde pública o investimento crece un 36%, o que supón 8 millóns máis, ata chegar aos 30 en total

García Comesaña referiuse, así mesmo, a unha partida de 60 millóns para renovar o equipamento sanitario, dos que 28,9 millóns irán destinados a un programa integral de actualización do equipamento dos bloques cirúrxicos dos hospitais públicos; e 28,6 irán á renovación tecnolóxica nos equipos de alta tecnoloxía para o diagnóstico (Resonancias, PET, TAC ou ecografía, entre outros). Por outra banda, máis de 18 millóns serán para renovar a infraestrutura informática do Sergas.

PROGRAMAS DE CRIBADO. En materia de saúde pública o investimento crece un 36%, o que supón 8 millóns máis, ata chegar aos 30 en total. Nesta subida, precisou o conselleiro, auméntase en 1,5 millóns de euros o orzamento destinado a programas de cribado. Tamén aumenta en 800.000 euros, ata superar o millón, o investimento destinado á promoción de estilos de vida saudables. 

Entre outras cuestións, destacou o incremento, cunha nova partida de 660.000 euros, para o laboratorio de saúde pública, destinado a nova maquinaria de procesamiento de PCRs. En total, este laboratorio contará cun investimento de preto de 1,5 millóns. 

García Comesaña tamén mencionou o incremento do 32%, ata chegar aos 4,5 millóns, do fondo para a Fundación Galega de Medicamento Xenómica; ou os 3 millóns destinados a desenvolver, desde o sistema público de Galicia, un centro de terapia CAR-T. 

Montse Prado viu uns orzamentos "continuistas" nos que "a sanidade perde peso" no conxunto das contas autonómicas

Os fondos para a Axencia de Doazón crecen un 8%, ata chegar aos 27,4 millóns, un montante que, entre outras cuestións, permitirá desenvolver un proxecto de plasma hiperinmune contra a covid; e o 061 crece un 13%, ata os 66,3 millóns.

SANIDADE "PERDE PESO". Durante a súa quenda de réplica, o deputado socialista Julio Torrado criticou que, a pesar da subida do orzamento de Sanidade, este departamento "sobe menos que o global" de Contas da Xunta, algo que, dixo "non ten sentido" na situación actual. 

Na mesma liña, a deputada do BNG Montse Prado viu uns orzamentos "continuistas" nos que "a sanidade perde peso" no conxunto das contas autonómicas. "Crecen por baixo da media nun contexto de pandemia sanitaria", indicou. 

Do mesmo xeito, Prado tamén se referiu ás cifras da Atención Primaria, que "actuou como auténtico muro de contención" da pandemia e que "aínda ten 45 millóns de euros menos que fai 11 anos". 

Pola contra, a deputada do PPdeG Encarna Amigo aplaudiu" estas contas, "uns orzamentos excepcionais para tempos excepcionais". Amigo Díaz referiuse a que as contas da Xunta para 2021 son "as máis altas da historia de Galicia" e están "pensadas para un momento moi crítico", centradas "na recuperación" e no "obxectivo fundamental de superar a pandemia". 

Comentarios