Aumentan os pacientes con covid nas Uci en Galicia malia o descenso dos casos activos

Os datos do Sergas confirma un novo descenso dos contaxios diarios, preto de 500
Sanitarias nunha Uci. ARQUIVO
photo_camera Sanitarias nunha Uci. ARQUIVO

Continúa o descenso de casos activos de covid-19 en Galicia, que se sitúan en 9.486 —295 menos que na xornada anterior—, e tamén baixan os contaxios no último día, con 69 menos, porque se contabilizaron 498. Con todo, se aumentaron os pacientes ingresados nas Uci, catro máis.

Atendendo aos datos do Sergas, hai ingresados nos hospitais galegos 274 pacientes con coronavirus, un menos que na xornada anterior. Pero o descenso concéntrase nas unidades convencionais, onde hai 215 —sete menos—, mentres que nas Uci hai 59, catro máis.

O que continúa baixando, ao haber menos positivos, é a incidencia acumulada, que está en 314,60 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días, sete puntos por baixo da do martes, pero aínda por enriba da media estatal (291,28).

Tamén descende a porcentaxe de probas que dan positivo, que está no 8,71% —fronte ao 10,49% da media española—, segundo os datos facilitados este mércores polo Ministerio de Sanidade.

Na comunidade continúa o descenso de casos activos e baixan contaxios, pero aumentan os pacientes na Uci

Desde o inicio da pandemia en Galicia, contaxiáronse 176.518 persoas e curáronse 164.511, das que 790 recibiron a alta na última xornada. O número de falecidos ascende a 2.552, tras sumarse as dúas mortes comunicadas este mércores polo Sergas.

Por áreas sanitarias, as de Lugo e Santiago son as únicas que rexistran un aumento de casos polos gromos en Monforte e Ordes, respectivamente. Mentres, segue o descenso no resto, empezando pola que rexistra máis incidencia, que é a da Coruña, con 2.609 casos. En Vigo son 2.073, en Pontevedra 795, en Ferrol 696 e en Ourense 688.

En Galicia, administráronse ata agora 3.984.140 doses das vacinas contra o covid-19 e xa hai 1.959.294 persoas coa pauta completa.

Comentarios