Educación concede premios extraordinarios de bacharelato a vinte estudantes galegos

Os galardóns distinguen a 11 alumnos da Coruña, seis de Lugo, dous de Ourense e un de Pontevedra

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concedeu os 20 premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2015/2016.

O Diario Oficial de Galicia publica este luns a resolución dos galardoados nesta convocatoria coa que se busca "recoñecer a excelencia educativa do alumnado".

Estes premios están dirixidos aos estudantes que obtiveron unha cualificación final media igual ou superior a 8,75 nos dous cursos de bacharelato e as mellores cualificacións nas probas realizadas para optar a devanditos galardóns.

En concreto, realizaron unha proba estruturada en dous partes: análise e comentario crítico dun texto de carácter xeral, histórico, filosófico e literario e na resposta a cuestións de carácter cultural e lingüístico sobre un texto en lingua estranxeira cursada polo alumno como materia común de bacharelato.

Cada un recibirá unha contía de 1.000 euros e quedará exento durante o primeiro ano do pago de prezos públicos na matrícula de estudos superiores durante o primeiro curso nun centro público.

Na provincia da Coruña recibiron o premio Alejandro Brao González do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, María Luisa Cal Fraga do IES Sofía Casanova, Elena Carrera Fernández, María Irene Lois Bermejo e Pablo Santiago Espiñeira do CPR Plurilinge Santa María do Mar, Iago Codesido Centoira, do IES Francisco Aguiar, Luis Fernández Martínez e Laura Regueiro Romeu do CPR Manuel Peleteiro, María Gabía Rascado do IES Canido, Leyre León Alvarez do IES Plurilingüe Adormideras e Alberto Ulloa Meijide do CPR Plurilingüe Apóstolo Santiago.

En Lugo foron premiados Mercedes Anaya Cortizo de Nosa Señora dos Ollos Grandes, Fernando Cabana Porto do Plurilingüe San José, Adrián Castro Montenegro e Paula Portela Cabana, do IES Leiras Pulpeiro, Uxío Eduardo Fernández Corbelle do IES Monte Castelo e Carmen Novo González do IES Vilar Ponte.

Mentres que en Ourense entregáronse dous galardóns —Guillermo Garrido Novoa do IES As Lagoas e a Luis Valencia Rivera do IES Eduardo Blanco Amor— e na provincia de Pontevedra un a Óscar Rocha López do CPR Plurilingüe Compañía de María.

Comentarios