A Xunta cita a todo o cerco galego para o martes

Este encontro coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, chega despois de que se cumpran dous meses da acampada de membros de Acerga en San Caetano en sinal de protesta
Quintana, este miércoles en Santiago antes de valorar el acuerdo alcanzado en el Consejo de Ministros de Pesca de la UE
photo_camera Quintana, este miércoles en Santiago antes de valorar el acuerdo alcanzado en el Consejo de Ministros de Pesca de la UE

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, citou o vindeiro martes, 22 de decembro, á mesma mesa os representantes de todo o cerco galego co fin de buscar unha repartición coas "maiores posibilidades de pesca" para a Comunidade.

Diso informou Quintana este mércores á prensa á hora de analizar as cotas de pesca para 2016 acordadas en Bruxelas, nas que destaca o incremento para o cerco do 27% na cota de xurelo para a zona VIIIc (no Cantábrico) e dun 15% para a zona IXa (ao Sur de Fisterra), á vez que se manteñen especies como o bocarte.

Respecto diso, a conselleira do Mar espera que o cerco valore a subida nestas especies e que "vexan que co traballo que se vén facendo desde a Xunta", apunta, "se pode conseguir mellorar as posibilidades de pesca do sector".

Segundo explicou Quintana, o que se busca nesta reunión, que se celebrará unha vez pasen as eleccións xerais, é: "Sentarnos entre todos, buscar cales son as maiores posibilidades de pesca de Galicia e defender os criterios que lle dean maiores posibilidades de pesca á nosa comunidade autónoma".

Nesa reunión do martes, están convocados representantes de Acerga —a asociación maioritaria do cerco, que agrupa uns 120 barcos, e avoga por unha repartición de cotas compartida e por tripulante—; así como de Cerqueiros Galegos —asociación creada hai unhas semanas, que defende unha repartición individual e que primen criterios históricos—; representantes das confrarías; a Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi); a asociación de cerco de Ribeira; así como armadores de Lugo.

Respecto diso, Quintana avoga por chegar a un consenso entre todos, xa que "criterios que favorezan a un barco ou a outro, o único que farían sería empobrecer ao conxunto de Galicia".

Ese encontro, que terá lugar na Consellería do Mar en Santiago, chegará despois de que se cumpran dous meses da acampada que realizan membros de Acerga ante a Xunta por unha repartición xusta, que levan este tempo amarrados en sinal de protesta por falta de cotas e en demanda dunha repartición "xusta".

Comentarios