Máis control fronte os métodos máis sofisticados para copiar

Pinganillos, móbiles, reloxos intelixentes... ante as fórmulas para facer trampas, a Ciug alerta de que ao alumno que se pille copiando poderáselle anular a proba ao completo

Alumnos durante una prueba de selectividad. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Alumnos durante una prueba de selectividad. VICTORIA RODRÍGUEZ

Aínda que sobreviven, os métodos máis clásicos de copiar nos exames -as típicas chuletas nos bolígrafos ou nas mans- están a quedarse desfasados. A tecnoloxía e internet están a imporse tamén neste sector e os máis novos son os primeiros en decatarse dos últimos recursos para sacarlle máis tallada ao exame.

De momento, a Comisión Interuniversitaria de Galicia (Ciug) -organizadora das probas Abau que se realizan desde o mércores ao venres- xa deu as súas instrucións: non se permitirán teléfonos móbiles, nin smartphones, nin ningún tipo de aparello electrónico excepto a calculadora non programable, permitida a condición de que non teña capacidade gráfica.

A calculadora deberá estar limpa. É dicir, sen ningún tipo de anotación nin no aparello, nin na funda. Se se lle detecta ao alumno algo deste material, automaticamente expulsarase e poráselle un cero no exame.

Pero hai máis, se se pilla a un alumno copiando, a Ciug aínda será máis taxativa: a comisión podería decidir sancionalo anulando totalmente a Abau.

Ana Fidalgo Clase, portavoz da Asociación Nacional de Estudantes Galegas, Alaga, móstrase contraria a este tipo de controis como parte do sistema educativo que instaura este tipo de probas para poder ingresar na universidade e estudar unha carreira. "Estes controis non son algo separado do modelo educativo, co que estamos en desacordo. É dicir, co que é a Selectividade en si porque se trata dun sistema que bota por terra ou traballo do curso e que, ao final, fai que o teu futuro dependa das notas duns exames que se fan en dous ou tres días. Ademais, con este sistema de acceso á universidade, a xente con menos recursos que ten que traballar dispón de menos tempo para estudar e, consecuentemente, sacará peor nota e perderá oportunidades para estudar o que queira. A esta situación unir tamén a circunstancia de que os que teñen máis cartos poden ir a unha universidade privada se non lle dá a nota para acceder á pública e o resto da xente, non", explica Ana Fidalgo.

Os sistemas máis sofisticados, como os reloxos móbiles ou o pinganillo, conviven coas tradicionais chuletas

Para esta estudante, os controis dos examinadores nas probas Abau reforzarían este sistema de avaliación e acceso á universidade. Tamén pensa que o uso de métodos cada vez máis sofisticados para copiar débese, en parte, á presión que impón este sistema de acceso á universidade de forma que se non chegas á nota mínima, non podes estudar a carreira que desexarías.

"Cada ano seguen aparecendo novos sistemas, baseados na tecnoloxía, para copiar, cada vez máis sofisticados, aos que moitos alumnos teñen acceso a través de internet e úsanse por que existen uns exames nos que te estás xogando directamente o teu futuro. Se non houbese tanta presión, quizais a xente non recorrería a estas cousas", insiste Ana Fidalgo, a portavoz da Asociación Nacional de Estudantes Galegas.

SISTEMAS. O uso dos reloxos intelixentes, con acceso a internet, facilitou nos últimos anos a artimaña de copiar nos exames. Agora, estes aparellos empezan a estar máis controlados polo profesorado. Tamén o uso do pinganillo -un auricular na orella conectado ao móbil e, á súa vez, a outra persoa- salvou a máis dun estudante dun apuro. Con todo, este sistema comeza a estar agora baixo vixilancia obrigando a todos os estudantes a acudir coas orellas destapadas aos exames. É dicir, con pelo curto ou recolleito.

De todos os xeitos, o rango de trucos para copiar é amplo e, xunto cos métodos máis modernos, aínda conviven os sistemas máis tradicionais.

Algúns centros comezaron a instalar inhibidores de frecuencia de teléfonos móbiles xa que algúns pinganillos son case indetectables para o profesorado

"Hai cousas que se seguen a facer, como ollar, disimuladamente, o exame da persoa que tes ao lado ou diante ou tamén levar a túa chuleta agochada nalgún sitio como, por exemplo, dentro dun bolígrafo de plástico transparente tipo Bic, nun frasco de Tippex ou mesmo nos calcetíns ou na manga", relata Ana Fidalgo.

Outras opcións que se poden atopar na rede, á hora de copiar nun exame, pasan por aproveitar o paquete de panos, o abrigo ou a chaqueta que leve posta o estudante, as uñas ou o botello de auga para esconder algún tipo de chuleta -máis grande ou máis pequena- para saír dalgún apuro se o exame decisivo se pon costa arriba.

Comentarios