A cor laranxa tenta a Paco Vázquez

Cs admite o apoio do exalcalde coruñés para elaborar o programa e non o descarta como candidato en maio

Francisco Vázquez. AEP
photo_camera Francisco Vázquez. AEP

Que o histórico alcalde socialista da Coruña Paco Vázquez sente simpatía por Cidadáns desde o seu nacemento non é ningún segredo, ata o punto de que foi un dos padriños da aterraxe do partido laranxa en Galicia. Pero de aí a que se converta na súa cabeza de cartel para as municipais de maio na ciduad herculina hai un longo trego, por moito que na dirección galega de Cs traten de alimentar esa posibilidade.

Este mércores fíxoo o secretario de organización, Laureano Bermejo, que tras ser cuestionado sobre esta posibilidade deixou a porta aberta a calquera escenario: "É unha persoa coa que contamos para a elaboración de programa. Non diría nin que si nin que non", espetou ao falar de Paco Vázquez e a súa hipotética volta á vida municipal.

Aínda que Cidadáns Galicia garda silencio sobre os seus candidatos para as eleccións municipais ata a celebración das primarias en decembro –naquelas localidades nas que sexa preciso estatutariamente–, si alimenta a miúdo os rumores ao redor de figuras de renome como o propio Vázquez ou a viguesa Gloria Lago, de Galicia Bilingüe.

"O que fai Cidadáns é nutrirse de xente e de talento", apuntou Bermejo. Entre eles, a formación aproveita a "bagaxe política" do que fora embaixador de España no Vaticano, que nunca ocultou a súa inclinación aos postulados de Albert Rivera.

De feito, a dirección autonómica, comandada por Olga Louzao e o propio Bermejo, destaca o nivel de "implantación" da marca, xa que hoxe en día hai 7.000 "simpatizantes e afiliados" e ao mes "vincúlanse" unhas 200- 250 persoas a esta formación. "O crecemento é significativo", sosteñen os mandatarios laranxas.

Comentarios