En corentena 23 persoas en Barbadás debido a dous casos de Covid-19

Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). EP
photo_camera Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). EP

Dous novos casos positivos por Covid-19 que foron detectados no concello de Barbadás  obrigou a pór en corentena a 23 persoas. 

Os dous mozos con Covid-19, que chegaron procedentes do País Vasco, atópanse neste momento en illamento "domiciliario e con sintomatoloxía leve", confirmaron fontes sanitarias. 

Estas persoas foron identificadas por persoal do Servizo Galego de Saúde por manter contacto directo cos afectados, polo que a autoridade sanitaria xa puxo en marcha o protocolo de seguimento destas persoas. 

Fontes hospitalarias indicaron que está previsto que "ao longo da tarde" un equipo de profesionais proceda á realización das probas correspondentes para pescudar se hai outros casos positivos

Estes dous novos casos elevan a cinco as persoas que se atopan en seguimento domiciliario por coronavirus na provincia de Ourense. A maiores, unha sexta persoa permanece ingresada no Hospital Universitario de Ourense.

Comentarios