Confirmado o terceiro positivo por coronavirus en Galicia

Trátase do home que estaba pendente de confirmación, parella da paciente infectada en Vigo â?? O paciente da Coruña permanece estable dentro da gravidade
Álvaro Cunqueiro. AEP
photo_camera Álvaro Cunqueiro. AEP

A Consellería de Sanidade confirmou o positivo do paciente illado por un posible caso de coronavirus no Álvaro Cunqueiro de Vigo, despois de recibir a ratificación do Centro Nacional de Microbioloxía de Majadahonda. Trátase do home de 43 anos que estaba pendente de confirmación, parella da muller de 47 anos que tamén deu positivo e que se atopa illada no centro vigués.

O home ingresara no hospital cunha dor de costas o pasado 28 de febreiro e o 1 de marzo diagnosticóuselle unha pneumonía. Entón, e durante 3 días, permaneceu ingresado no centro, aínda que sen illar, dado que non entraba dentro dos criterios desta infección.

Así o confirmou este xoves o xefe do servizo de Medicina Preventivo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Víctor del Campo Pérez, que compareceu nunha rolda de prensa.

A paciente atópase "asintomática", aínda que foi posta en illamento este mércores, ao mesmo tempo que o seu marido.

Polo momento, o Sergas mantén en observación domiciliaria a varios familiares dese paciente. Así mesmo, informouse ao persoal do hospital vigués e dispúxose que máis dunha decena de profesionais queden nos seus domicilios, tamén en observación (entre médicos, enfermeiras e outros traballadores), tras estar en contacto co paciente agora illado.

CASO DA CORUÑA. Respecto ao home de 49 anos que deu positivo por coronavirus no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac), o primeiro en Galicia, permanece hospitalizado "estable dentro da gravidade". Así o confirmaron este xoves fontes da Consellería de Sanidade, que concretaron que se atopa nunha planta de hospitalización convencional. 

Este paciente foi atendido o luns no servizo de Urxencias do Chuac, onde se activou o protocolo para coronavirus. No marco do mesmo, sobre unha decena de traballadores foron enviados a illamento aos seus domicilios como medida preventiva. 

O home, residente en Madrid, chegou a Galicia nun coche compartido para unha entrevista de traballo. O luns, dada o seu sintomatología, acudiu ao servizo de Urxencias do Hospital A Coruña ao redor das 13.00 horas. Este paciente foi diagnosticado dunha pneumonía de orixe descoñecida, unha patoloxía ante a que o último protocolo acordado co Ministerio de Sanidade recomenda facer as probas para coronavirus. 

Unha decena de traballadores do Chuac foron enviados a illamento aos seus domicilios como medida preventiva 

Con iso, de forma preventiva, activouse na tarde do luns o protocolo de sospeita do covid-19 e tomáronse as medidas de protección a profesionais e pacientes que estiveron en contacto con el en Urxencias. Nun primeiro momento, as probas practicadas na Coruña non foron concluíntes, e remitíronse este martes ao Centro Nacional de MicrobioloXía en Madrid para a súa análise, onde confirmaron o positivo. 

Comentarios