Correos lanza a súa nova web para o Camiño de Santiago

Na web o peregrino poderá atopar toda a información necesaria para organizar o Camiño de Santiago
El Camino con Correos. WEB
photo_camera El Camino con Correos. WEB
Correos lanza este xoves, coincidindo coas festividades do Día de Santiago Apóstolo, que se celebra o sábado 25 de xullo, a súa nova web do Camiño de Santiago.

A compañía pública informa nun comunicado de que o portal -www.elcaminoconcorreos.com- renova a súa imaxe, incorpora máis contidos e permite unha áxil e sinxela contratación online do servizo Paq Mochila, co que os carteiros transportan as equipaxes dos peregrinos de aloxamento en aloxamento.

Na web o peregrino poderá atopar toda a información necesaria para organizar o Camiño de Santiago: principais rutas xacobeas divididas por etapas, os servizos de Correos para o Camiño e un blogue con recomendacións como que levar na mochila, como conseguir a credencial, medidas de seguridade ante a Covid no Camiño, ou os requisitos para obter a Compostela.

Ademais do Paq Mochila, a web recolle outros servizos de axuda ao camiñante como o Paq Peregrino, que permite enviar maletas e paquetes a calquera oficina de Correos; o Paq Bicicleta, para enviar as bicis antes e despois do Camiño; unha tenda de produtos para o peregrino, ou un servizo de consigna que ofrece na súa oficina principal de Santiago de Compostela.

En www.elcaminoconcorreos.com recompílanse consellos sobre que ver e facer nas diferentes Rutas do Camiño e consellos ofrecidos polos carteiros que cada día comparten o Camiño cos peregrinos. Esta información vai acompañada dunha descrición detallada das dez principais rutas xacobeas que discorren pola Península, con información de contido, mapas, fotos e nivel de dificultade.

Ademais, dedica un apartado específico para as medidas de seguridade no Camiño ante a Covid, recompilando recomendacións de institucións e asociacións xacobeas para intentar minimizar o risco de contaxio durante a Ruta.

O portal de Correos dedicado ao Camiño de Santiago recolle tamén información de preto de 5.000 aloxamentos presentes nas diferentes rutas.

Comentarios