Cospedal apela en Ourense a un PP máis forte, sen "feridas nin fracturas" tras o congreso

"Sen principios non se gañan eleccións, podes pactar con todo titirimundi e pactar a calquera costa pero non se gañan eleccións", salientou De Cospedal

Manuel Baltar, María Dolores de Cospedal y Alberto Núñez Feijóo. BRAIS LORENZO (EFE)
photo_camera Manuel Baltar, María Dores de Cospedal e Alberto Núñez Feijóo. BRAIS LORENZO (EFE)

A candidata á Presidencia do Partido Popular María Dolores de Cospedal, defendeu e lanzou unha mensaxe aos afiliados a fin de que o PP salga deste proceso "máis forte que nunca" e sen "feridas nin fracturas"; "canto menos haxa que coser, mellor", dixo. Durante un acto con afiliados en Ourense, no que tamén participou o presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, dixo que se presenta como unha militante máis a un proceso no que o importante é presentar un proxecto de "ideas" e non de persoas e no que reivindicou ao PP como o partido máis fiable para gobernar.

"Sen principios non se gañan eleccións, podes pactar con todo titirimundi e pactar a calquera costa pero non se gañan eleccións", salientou de Cospedal, quen confiou en que o partido salga deste proceso "forte, unido e cohesionado".

Para a candidata, se temos un liderado forte no partido teremos liderado para "gañar eleccións" e deixou unha reflexión: "Quen veña facerse rico, a expulsión será inmediata e recibirá o reproche social e tamén do PP", dixo de Cospedal, para quen "non se pode consentir que tres ou catro lerchos representen" ao partido. 

En alusión á situación que viviu o PP tras a moción de censura, De Cospedal apuntou que o partido ten que "porse as pilas" e "reaccionar" para recuperar o espazo do "centro dereita", a partir do día 21 de xullo, cando se clausure o congreso extraordinario.

Tras criticar a presenza "por primeira vez" dun presidente que non gañou as eleccións, en alusión ao Goberno de Pedro Sánchez, a candidata considerou necesario "reaccionar" para que España "volva recuperar o entusiasmo", xa que, na súa opinión, "non pode ser normal" que se premie a gobernantes que non cumpren a Lei", en alusión aos independentistas. 

Na súa intervención puxo Galicia como exemplo da senda que ha de seguir o Partido Popular para volver gobernar e apuntou que esta comunidade "sempre cumpre" co partido e con España. Así o indicou nun encontro con afiliados en Ourense, na súa xira por Galicia, onde recoñeceu a necesidade de crear "un partido unido, forte e conexionado" para poder recuperar o Goberno en España. 

Cospedal destacou ante Núñez Feijóo e Manuel Baltar a credibilidade do presidente galego á fronte da Xunta e destacou o seu "compromiso pola súa terra", algo do que "non estamos moi sobrados", apuntou. "O PP gaña en Galicia porque Galicia cumpre”, proclamou De Cospedal, quen tamén significou a importancia de Ourense para o PP. 

Pola súa banda, Núñez Feijóo, quen agradeceu á candidata popular a comparación de Galicia coa "Meca", na súa opinión, recolleu a chiscadela lanzada pola candidata ao afirmar que "Ourense seguirá sendo a cidade santa do PP". Ademais, asegurou que "Galicia non vai fallar" e que seguirá traballando para crear "un partido sólido e forte", que sexa alternativa, cun "proxecto para a maioría de españois".

Para iso, destacou a traxectoria de Cospedal, unha persoa que "xa gobernou, xa que logo, non vén aprender a gobernar, e xa gañou eleccións”, ademais de que sabe o que é estar "na oposición". Gañe quen gañe, avanzou que o seu partido vai pechar filas e "axudar" ao que salga elixido para suceder a Mariano Rajoy.

Votará o 4,51% en Galicia; o 7,67% no conxunto de España
O PP elevou este venres a 4.564 militantes inscritos en Galicia, o 4,51 por cento dos seus afiliados nesta comunidade, -fronte aos 4.222 que supuñan o 4,17 por cento de hai escasos días- o número que poderán votar o próximo 5 de xullo aos precandidatos a presidir o partido e os compromisarios para o XIX Congreso extraordinario dos próximos 20 e 21 de xullo.

No conxunto de España, o número subiu a 66.706 militantes inscritos, o 7,67 por cento do total de afiliados. Este é o censo definitivo de inscritos, tras a reunión que mantivo este venres a Comisión Organizadora do Congreso do PP, que examinou as distintas reclamacións, incidencias e escritos recibidos.

Comentarios