Feijóo releva os conselleiros de Sanidade e Educación

O novo executivo desdobra Economía, que contará cunha vicepresidencia dirixida por Conde e unha consellería con Emprego e Igualdade 
 
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asina o decreto de composición do Goberno. Despacho do presidente en Monte Pío, Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2020
photo_camera Alberto Núñez Feijóo asina o decreto de composición do Goberno. XUNTA

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nomeou o novo goberno que o acompañará no seu cuarto mandato. Un executivo no que destacan o substitución dos conselleiros de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e Eduación, Carmen Pomar, e os cambios na carteira de Economía, que adquire rango de Vicepresidencia co monfortino Francisco Conde á fronte e desdóbrase nun novo departamento que aglutina Emprego e Igualdade. 

A vicepresidencia primeira, que é a outra, seguirá baixo o mando de Alfonso Rueda, que ostenta este cargo desde o ano 2012. A remodelación do Goberno da Xunta, segundo informou o goberno nun comunicado, contempla que Julio García Comesaña ostentará a carteira de Sanidade, Román Rodríguez a de Educación e María Jesús Lorenzana — que como Comesaña é nova incorporación— a de Emprego. As substitucións prodúcense nas áreas máis relevantes na loita contra o coronavirus e a escasos días do inicio de curso nun contexto de pandemia. 

Mantén once conselleiros pero reorienta competencias de varios departamentos

Tras a toma de posesión do seu cargo por cuarta vez formalizada este sábado, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou este domingo o decreto coa estrutura e os novos conselleiros, o cal será publicado o vindeiro luns no Diario Oficial de Galicia.

Todos eles tomarán posesión do cargo este luns á primeira hora nun acto institucional para, inmediatamente despois, participar na primeira reunión do Goberno galego nesta Lexislatura.

Xullo García, a substitución de Jesús Vázquez na carteira de Sanidade

Como Carmen Pomar, ata agora á fronte de Educación, Jesús Vázquez Almuiña é un dos conselleiros saíntes e a súa substitución na complicada carteira de Sanidade ten nome e apelido: Julio García Comesaña, desde xullo de 2019 xerente da área de xestión integrada de Vigo. A esa responsabilidade chegou tras ostentar idéntico posto na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Nacido en 1968, é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten a Especialidade Sanitaria de Radiofísica Hospitalaria, así como un Máster en Administración Sanitaria pola Escola Nacional de Sanidade. A súa formación inclúe o programa de dirección sanitaria (Escola de Directivos Sanitarios de Galicia, Fegas), e o Programa de Liderado e Xestión Estratéxica (Instituto de Empresa). 

Conta ademais co título de xefe do servizo de protección radiológica, outorgado polo Consello de Seguridade Nuclear, e é profesor de distintos cursos organizados pola Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria.

No campo da investigación e da innovación, participou en diferentes proxectos europeos e de compra pública da tecnoloxía innovadora, Innovasaúde e H2050. Como especialista sanitario de Radiofísica Hospitalaria, desenvolveu a súa actividade asistencial nos hospitais Povisa e Meixoeiro, en Vigo, e no Vall D`Hebron de Barcelona, entre os anos 1993 e 2005.

No que á xestión se refire, desempeñou o posto de director de centro e director operativo no complexo hospitalario universitario de Vigo entre 2005 e 2011. Desempeñou o posto de subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas e a coordinación da estratexia galega contra o cancro.

Foi, así mesmo, director de Procesos Asistenciais da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo.

María Jesús Lorenzana, nova titular de Emprego, vinculada a Xunta desde 2007

María Jesús Lorenzana Somoza (A Coruña, 1981), a elixida para dirixir a nova Consellería de Emprego, estivo vinculada á Xunta de Galicia desde 2007, cando accedeu á escala de Letrados do Executivo Galego por oposición, e, desde entón, ocupou distintos cargos como o de strong<> secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Rural.  é licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña (UDC) desde xuño de 2004 e Curso Superior de Dereito Autonómico polo Instituto de Dereito Público de Barcelona.

Desde maio do 2007, Lorenzana Somoza exerceu diferentes postos como letrada na Asesoría Xurídica da Xunta, entre eles, na asesoría xurídica da Vicepresidencia de Igualdade e de Benestar, e na Asesoría Xurídica Xeneral da Xunta de Galicia. Desde novembro de 2011 e ata febreiro de 2013, María Jesús Lorenzana ocupou o posto de asesora xurídica da Presidencia da Xunta. Despois, en febreiro de 2013 foi nomeada secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar.

Dous anos e medio despois (en outubro de 2015), esta licenciada en Dereito foi escollida secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Finalmente, ocupou o cargo da secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Rural, desde 2018 e ata este domingo, que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que formará parte do seu novo Executivo.

Deste xeito, a coruñesa toma a substitución dunha das competencias de Francisco Conde e será a titular da nova carteira de Emprego, que se separa así de Industria e Economía.

Comentarios