As defuncións rexistraron un crecemento do 1% no terceiro trimestre de 2018 en Galicia en relación co mesmo período do exercicio anterior, e os nacementos caeron un 13%, segundo os datos de avance que publica este venres o Instituto Nacional de Estadística. De acordo con este avance, a comunidade galega rexistrou 7.066 mortes entre xullo e setembro, 3.598 de homes e 3.468 de mulleres. Son un 0,96% máis que en igual trimestre de 2017.
Os nados foron 4.208, deles 2.176 homes e 2.032 mulleres. En concreto, os nacementos neste período foron un 13,09% menos que no terceiro trimestre de 2017.
En canto aos matrimonios, Galicia contabilizou 3.488, un 12,3% menos. Foron 3.442 entre individuos de diferente sexo (-12,4%) e 46 entre persoas do mesmo sexo (-6,12%).