A Xunta fará cribados nas residencias universitarias tras o aumento de contaxios

O comité clínico alerta das festas ilegais e as celebracións en pisos e pide que deixen de realizarse
Rueda de prensa del comité clínico, con el conselleiro de Sanidade. EP
photo_camera Rolda de prensa do comité clínico, co conselleiro de Sanidade. EP

A Xunta anunciou a realización de cribados nas residencias universitarias galegas en resposta ao aumento de contaxios entre os estudantes tras o comezo do curso, unha tendencia que se aprecia especialmente en Santiago de Compostela. Este mesmo mércores empezaron o test nas residencias na capital galega, probas que se estenderán aos restantes campus, especialmente aos de A Coruña e Vigo. A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, engadiu que o cribado podería ampliarse tamén a outros ámbitos universitarios, máis aló das residencias. 

O comité clínico que asesora a Xunta en materia de coronavirus apunta ao inicio do curso universitario como posible causa do incremento de casos de covid-19 en Santiago de Compostela, polo que chama á responsabilidade de estudantes e hostaleiros. 

Así o asegurou este mércores o doutor e integrante do comité Sergio Vázquez, quen subliñou que a capital galega, tras Ourense, presenta a maior incidencia acumulada de covid dos últimos 14 días, cuns 200 casos por cada 100.000 habitantes. 

Para Vázquez, "non sería estraño que chegase a outras cidades universitarias", polo que chama á "responsabilidade dos estudantes e hostaleiros". "É duro", recoñeceu, á vez que insistiu en pedir un "exercicio de responsabilidade" para frear a pandemia. 

En concreto, apuntou a "festas en pisos" e "festas ilegais" en locais de ocio nocturno, se ben subliñou que "os que non cumpren as normas" no sector da hostalería son unha "pequena parte".

Unha campaña a nivel estatal para promover o respecto ás normas sanitarias entre universitarios 
O Ministerio de Universidades, en colaboración con diferentes organizacións e colectivos, está a deseñar materiais e campañas de sensibilización que axuden a fomentar o respecto ás normas de saúde e convivencia no seo da comunidade universitaria, segundo informa o departamento que dirixe Manuel Castells. 

Nas últimas semanas orixináronse varios brotes en distintas partes de España cun número importante de mozos universitarios contaxiados, debido á organización de festas ilegais en residencias de estudantes e colexios maiores, e debido tamén ao incumprimento das normas sanitarias en zonas de lecer nocturno. 

A pesar de orixinarse os brotes fóra dos campus universitarios, varias institucións educativas víronse obrigadas a suspender a actividade presencial durante unhas semanas, como é o caso da UPV e da UGR. 

Comentarios