A Comunidade de Madrid deu a coñecer este mércores ao Ministerio de Sanidade un novo brote con cinco casos positivos por coronavirus que se orixinaron nunha cea celebrada entre 8 persoas nun domicilio da capital o 4 de xullo. Ningunha das persoas afectadas está hospitalizada, segundo informou o Goberno rexional.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Comunidade notificou ao Ministerio que este brote ten 61 contactos identificados -en colaboración coas comunidades autónomas de Galicia, Castela e León, País Vasco, Cataluña e Andalucía-, xa que 3 dos positivos e 2 dos contactos da cea volveron aos seus lugares de orixe viaxando en dous trens, un voo nacional e vehículos particulares.
Dos 5 positivos, 2 están na Comunidade de Madrid e 3 en Galicia.
Nos 61 contactos incluíronse os máis estreitos que se rexistraron nos dous trens, no voo e entre os viaxeiros que compartiron coche aos lugares de destino.
Todas as comunidades autónomas afectadas están informadas e teñen toda a relación dos contactos para que fagan o seguimento.
Este é cuarto brote que notifica a Comunidade de Madrid ao Ministerio de Sanidade tras a saída do estado de alarma.
Os tres anteriores, dous no ámbito laboral e un no domiciliario con tres vivendas afectadas, mantivéronse sen variación e con 18 casos confirmados.