Decenas de coches rodean a Xunta para pedir que reabra o lecer nocturno

O sector do lecer nocturno manifestouse este xoves cunha caravana de coches que rodeou os edificios da Xunta de Galicia en Santiago para reclamar ao goberno autonómico a reapertura dos bares, pubs e discotecas e condenar a "criminalización" do sector. 

Con fortes asubíos, preto de medio centenar de coches deron varias voltas ao redor das instalacións da Xunta en San Caetano, portando lazos negros e carteis nos que podía lerse "Non á criminalización da restauración", "DEP Hostalería" ou "Basta xa", para advertir da grave situación que están a vivir os traballadores do sector. 

"Non hai causa xustificada para manternos pechados. No lecer nocturno estaban a seguirse todas as pautas hixiénico-sanitarias dunha forma estrita. Non podemos seguir así", expresou o representante da Asociación Hostalería de Compostela e da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas, Sergio Fernández. 

Desde a asociación esixen á Xunta "diálogo" e que se retire o decreto do 15 de agosto que obriga ao peche dos establecementos de lecer nocturno, un sector que segundo Fernández está abocado " inviabilidad económica" debido a un paro "indiscriminado". 

En caso de non atender ás súas demandas ou de que a apertura non sexa posible "por cuestións sanitarias", os hostaleiros solicitan ao goberno autonómico axudas ao sector para manter a súa viabilidade. 

Para Fernández a posibilidade de que os concellos concedan licenzas provisionais para que algúns establecementos poidan abrir supón só "un parche", polo que piden "diálogo coa Xunta" e que se convoque unha mesa sectorial para poder "volver traballar". 

Comentarios