Decretada prisión para o detido no Porriño por agredir á súa muller e ao seu neto

O home está acusado de homicidio en grao de tentativa tras atacar cun coitelo a dous familiares
Antonio G.F., acompañado por un agente de la Guardia Civil. TVG
photo_camera Antonio G.F., acompañado por un axente da Garda Civil. TVG

A titular do xulgado de instrución número 3 do Porriño ordenou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza do home de 58 anos de idade, Antonio G.F., que foi detido este mércores por agredir cun coitelo á súa muller e ao seu neto.

O xulgado investígao como presunto autor dun delito de homicidio en grao de tentativa, segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Os feitos ocorreron na madrugada do mércores, cando o 112 recibiu un aviso sobre a necesidade de asistencia médica dunha muller de 52 anos de idade e do seu neto de 6 anos, no barrio da Pontenova, na parroquia porriñesa de Atios.

O marido da vítima recoñeceu ante os axentes policiais que tivera unha discusión con ela. Ademais, os funcionarios descubriron manchas de sangue na habitación na que tiveron lugar os feitos, e un coitelo baixo a cama, polo que procederon á detención do home.

A muller presentaba varios cortes en brazos e mans, e foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Así mesmo, o seu neto sufriu lesións nunha man e tamén foi evacuado para recibir asistencia médica

Comentarios