A defensa do presunto parricida de Oza pide que sexa internado nun psiquiátrico

Alega que tiña "anuladas" as súas facultades, fronte á Fiscalía e as acusacións que cren que matou ao seu fillo para "vingarse" da nai 

O acusado de matar ao seu fillo de 11 anos en Oza durante o xuízo. CABALAR (EFE)
photo_camera O acusado de matar ao seu fillo de 11 anos en Oza durante o xuízo. CABALAR (EFE)

A defensa do home acusado de matar, no Día da Nai de maio de 2017, ao seu fillo de 11 anos en Oza-Cesuras pediu, nas súas alegacións ante o xurado, o internamento do seu cliente nun psiquiátrico sexa ou non considerado un "enfermo mental", como si o é para el. 

Así o expuxo na última e sétima sesión do xuízo, que acolleu a Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña e antes de que o xurado comece a deliberar. 

O letrado de M.J.M.M. –para o que Fiscalía, acusación particular e popular e a Xunta piden prisión permanente revisable por un delito de asasinato en concorrencia con outro de lesións psíquicas e os agravantes de parentesco e de xénero– xustificou a súa petición de libre absolución e, subsidiariamente, que se aplique eximente completa ou incompleta ao seu cliente. 

"Tecnicamente manteño a non autoría", sinalou apuntando a que non hai "unha cámara, unha testemuña directa ou unha declaración do seu acusado" que corrobore que é o autor dos feitos. "Aínda que hai indicios de que podería ser el", recoñeceu, no entanto, antes da súa intervención no xuízo, en declaracións aos xornalistas. 

Por iso, xa na vista oral, explicou que "se se acredita" que o seu cliente –en cuxa roupa se atoparon restos do sangue do menor– foi o autor debería, na súa opinión, aplicarse unha eximente completa. Por ter "anuladas as súas facultades", expuxo en base ao argumento defendido por esta parte de que o acusado sufriu un "brote psicótico" o día dos feitos. 

De non estimarse, e para unha eximente incompleta, considerou que debería terse en conta que as súas facultades estaban "limitadas". Como atenuante, expuxo tamén unha "diminución dos efectos do dano". "O achado do cadáver –do menor– foi única e exclusivamente pola colaboración do meu cliente", afirmou a este respecto.

Ademais, recalcou, en base ás conclusións do psiquiatra que achegou esta parte, que a medicación que recibía o seu cliente "era compatible coa psicose". "Marcos non é unha persoa normal, ve realidades que non existen e non recorda realidades que si existen", dixo aludindo a este informe. 

Por todo iso, asegurou que o xurado se atopa ante dous escenarios posibles, de dar por probada a autoría do acusado: "meter" a un "enfermo mental" nun psiquiátrico ou a un "cordo". 

"A peor faena que podemos facerlle a un cordo", sentenciou nunha intervención na que tachou de sencionalismo "macabro e barato" a actuación da fiscal en relación coas explicacións requiridas sobre o cadáver do neno.

"VINGARSE" DA SÚA EXMULLER. Pola súa banda, a representante do Ministerio Público –crítica coas cuestións expostas pola defensa e, en especial, co informe do psiquiatra que esta parte achegou– argumentou que o acusado "planificou" a morte do seu fillo. "Asasinouno de fomra sorpresiva", recalcou. 

"O seu obxectivo era conseguir o maior dano posible e non lle importou ter que matar o seu propio fillo", dixo relacionando este asasinato coa pretensión de "vingarse" da súa exmuller. 

"Xa o avisou", expuxo en relación a mensaxes difundidas, presuntamente, polo acusado por redes sociais e que o avogado deste incidiu en que non quedou "acreditado" que fose o autor. "O neno foi golpeado de forma brutal e violenta", insistiu a fiscal sobre os golpes que recibiu e compatibles, segundo os forenses, cunha pa que se achou no lugar onde estaba o cadáver. 

"Unha auténtica rateira", describiu, á súa vez, a avogada da acusación particular, para quen o procesado trasladou ao menor a este lugar "con ánimo de matalo, para matar en vida á súa nai". Por outra banda, expuxo que o fixo porque asasinar ao seu exmuller era "moi difícil". "Non ía soa nin a comprar", expuxo ao relatar que a súa clienta foi vítima de malos tratos e viviu "unha tortura" con el.

DISTINGUE "O BEN E O MAL". "Non actuou por un trastorno mental nin crónico nin transitorio", sinalou antes a fiscal, recordando que foron "nove os psiquiatras" que o viron desde 2009 e "dous" os que fixeron unha avaliación do acusado nos meses posteriores á súa detención. 

Neste argumento coincidiron todas as acusacións, quen, en base a estes informes médicos, apuntaron a un "trastorno de personalidade e adaptativo" do procesado. 

"Pero distingue o ben e o mal", insistiu a avogada da nai, quen cualificou de frialdade "arrepiante" a actitude do acusado, que rexeitou ao termo do xuízo o seu dereito a manifestar algo. 

A estas afirmacións, a letrada da Xunta sumou o que o acusado "incorrese en numerosas contradicións". "Fíxoo con plena conciencia", engadiu sobre o asasinato do menor. Na mesma liña, para a acusación popular, exercida pola Asociación Clara Campoamor, é "evidente" que o acusado "matou" ao seu fillo e fíxoo de forma "brutal".

As acusacións apelaron tamén á existencia de aleivosía ao considerar "obvio" que o menor non puido defenderse. Mentres, vincularon cunha "estratexia" o que o acusado asegurase no xuízo non recordar o que sucedera ese fin de semana tras ser detido o 8 de maio, un día logo de cometerse o crime. 

Comentarios