O Defensor do Pobo pide información sobre a morte a golpes de catro eguas en Oia

Os animais foron mallados ata a morte, un suceso que investiga a Garda Civil 
 

Un dos cabalos que apareceu sen vida en Oia. TVG
photo_camera Un dous cabalos que apareceu sen vida en Oia. TVG

O defensor do pobo, Francisco Fernández Marugán, iniciou unha actuación ante a Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia por mor da morte violenta de catro eguas salvaxes no municipio pontevedrés de Oia. En concreto, a institución pediu á Xunta información sobre as circunstancias nas que se produciu os malos tratos a estes animais, que foron mallados ata morrer. 

As catro eguas, exemplares de garranos, son équidos salvaxes con propietario que habitan a serra e que anualmente protagonizan as tradicionais "rapas das bestas" en Galicia.  O defensor tamén quere coñecer o réxime xurídico no que se ampara a protección desta especie milenaria en perigo de extinción, xa que non parece haber unha posición unánime sobre se se trata de animais silvestres ou se son animais de aproveitamento gandeiro, indícase na nota. 

Segundo sinala a institución no escrito remitido á Xunta, se o seu carácter é o de animal silvestre, estarían sometidos á Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, mentres que se son animais de aproveitamento gandeiro, o seu réxime xurídico sería o Real Decreto 804/2011, polo que se regula a ordenación zootécnica, sanitaria e de benestar animal das explotacións equinas e establécese o plan sanitario equino e que é propio doutras especies equinas utilizadas comunmente.

Comentarios