jueves. 24.09.2020 |
El tiempo
jueves. 24.09.2020
El tiempo

A Mesa denuncia "malas maneiras" na atención a un neno que falaba en galego nas urxencias do Álvaro Cunqueiro

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. RAFA FARIÑA
Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. RAFA FARIÑA
A entidade de defensa da lingua levou o caso á Valedora do Pobo e á Secretaría Xeral de Política Lingüística

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou "malas maneiras" na atención a un neno por parte dunha pediatra que asegurou "non ser galega" no servizo de urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. 

Diso deu conta nun comunicado remitido aos medios, no que a asociación informa da queixa dunha nai que afirma que tivo que "facerlle de tradutora" e "repetir á facultativa en castelán todo o que dicía o neno". 

"O neno tiña 39 e medio de febre e un posible cadro de apendicitis pero a pediatra pedíalle constantemente que lle repetise onde sentía a dor, xa que se expresaba na súa lingua habitual, que é o galego", sinala A Mesa. 

Debido a estas cuestións, A Mesa pola Normalización Lingüística esixiu ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) respecte os dereitos lingüísticos da cidadanía galega e cambie todo o necesario para que non se produzan máis este tipo de situacións. 

A entidade de defensa da lingua galega, que levou o caso á Valedora do Pobo e á Secretaría Xeral de Política Lingüística, lembrou que o Estatuto de Autonomía sinala que a lingua propia de Galicia é "o galego" e que os poderes públicos deben garantir o uso normal e oficial dos dous idiomas, así como potenciar o emprego do galego en "todos os planos da vida pública, cultural e informativa". 

A Mesa explicou que recibiu a queixa desta nai a través da Liña do Galego, un servizo que en 2018 tramitou 303 queixas, das que un 12% estaban relacionadas co Sergas. 

A Mesa denuncia "malas maneiras" na atención a un neno que falaba...
comentarios