Denuncian que os corredores dunha carreira pasaron por encima das ruínas do castro de Santa Trega

Os organizadores aseguran que o vento destruíu as balizas que sinalaban a ruta e que non houbo estragos no patrimonio
Unha das corredoras pisando as ruínas. PATRIMONIO GALEGO
photo_camera Unha das corredoras pisando as ruínas. PATRIMONIO GALEGO

Parte dos corredores que participaron nunha carreira a pé organizada na Guarda o pasado domingo 11 de outubro pasaron por encima das ruínas do castro de Santa Trega, segundo denunciou a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego días logo da proba.

Nunha publicación en Facebook horas logo da denuncia pública, os organizadores do Trail do Trega recoñecen a existencia do problema, que atribúen a que o vento destruíu o balizado que marcaba a ruta da proba, algo que "non puido solucionarse" e que provocou a que os participantes pisasen as pedras das ruínas.

Con todo, e tras descargar de responsabilidade ás comunidades de montes, Concello da Guarda, Deputación de Pontevedra e Xunta; afirman que "a zona de paso foi revisada e quedou constatado que non houbo erosión nin destrución do patrimonio".

"Entendemos o descontento xerado pero en canto soubemos do acontecido fomos os primeiros en tomar medidas. A organización ten sempre presente o preservar o patrimonio cultural, natural e humano que conforman a contorna dos eventos", sinala a organización da proba.

Comentarios