As deputacións de Lugo e Pontevedra e 29 concellos ofrécense a acoller migrantes do Aquarius

A nivel estatal, hai case 350 municipios preparados para recibir a migrantes

Desembarco de los migrantes del Aquarius en Valencia. MÉDICOS SIN FRONTERAS
photo_camera Desembarco dos migrantes do Aquarius en Valencia. MÉDICOS SEN FRONTEIRAS

O presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) e alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este martes 19 de xuño que un total de 342 concellos de toda España, 29 deles galegos, ofrecéronse xa para acoller aos 629 migrantes e refuxiados do buque Aquarius. 

Segundo os datos que manexa a Fegamp para o acollemento destas persoas, o Galicia presentaron a súa disposición en firme 29 concellos e as deputacións de Lugo e Pontevedra. En toda España só hai unha deputación máis que polo momento manifestouno, a de Valladolid. 

Por provincias, 15 destes municipios están en Pontevedra, oito na Coruña, catro en Ourense e dous en Lugo. Non figuran polo momento na listaxe as cidades da Coruña, Ourense ou Ferrol. 

En concreto, os municipios que figuran como acolledores na lista da Fegamp en Pontevedra son Cuntis, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Moaña, As Neves, Nigrán, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Silleda e Vigo. 

Así mesmo, na Coruña puxeron os seus medios a disposición da Fegamp Ames, Bergondo, Carballo, Moeche, Mugardos, Rianxo, Santiago e Teo. 

Finalmente, no caso de Lugo, os incluídos polo momento son a capital provincial e Guitiriz; e en Ourense figuran Allariz, Carballeda de Valdeorras, Manzaneda e A Peroxa.

UN NUMERO DE PRAZAS "ELEVADÍSIMO". Nunha rolda de prensa, Caballero dixo que, a nivel estatal, neste momento hai case 350 municipios "preparados" para recibir aos migrantes. "Neste momento, xa hoxe, podemos acoller por centos de persoas", recalcou, para despois precisar que o desprazamento non se producirá antes de que o Executivo "decida cantas persoas quedan e de que forma". 

Así mesmo, declarou que o número de prazas é "elevadísimo", infinitamente superior aos 629 migrantes do Aquarius", á vez que destacou o traballo e a coordinación dos municipios neste proceso. 

"Xa nos coordinamos para que no momento en que o Goberno de España decida que persoas e cantas son, viaxen aos concellos que ofrecemos", aseverou o alcalde galego, que matizou que a repartición o fará o Goberno en coordinación coa Femp.

Así mesmo, asegurou que se lles garantirá "unhas condicións dignas", aínda que subliñou que a ONG xa están a actuar e que todos os migrantes están a ser "atendidos convenientemente e apropiadamente". 

"Todos están a ser atendidos e van ser atendidos polo Goberno ata que estean en disposición estes cidadáns por razóns legais, físicas, sanitarias, de ser acollidos nalgún lugar español", agregou. Tras iso, engadiu que unha vez se decida a situación de cada persoa farase a repartición territorial, pero apostilou que o Goberno "vai tardar uns días". 

Caballero afirmou que xa puxo en coñecemento da ministra de Administracións Públicas, Meritxel Batet, a listaxe dos municipios que se puxeron a disposición da acollida e que "seguen fluíndo" ofertas. 

Comentarios