Desarticulada unha organización que estafou a taxistas de Lugo e A Coruña

Facíanse pasar por empregados de aseguradoras e solicitaban ás vítimas que adiantasen o diñeiro do traslado e os gastos de asegurados que sufriran un accidente

Os estafadores utilizaban novos sistemas de pago para recuperar o diñeiro ingresado polos taxistas. GARDA CIVIL
photo_camera Os estafadores utilizaban novos sistemas de pago para recuperar o diñeiro ingresado polos taxistas. GARDA CIVIL

A Garda Civil desarticulou unha organización situada en Xixón especializada na comisión de estafas dirixidas a profesionais do sector do taxi. Os feitos foron denunciados en diversas localidades das provincias de Lugo, A Coruña, Córdoba, Xaén e Teruel.

No marco das operacións Fulmar-Dubra, os axentes detiveron a M.U.M., de 28 anos e imputaron a N.M.M.C., de 48, M.A.R.R., de 60, S.B.M.P., de 24, e D.J.L:S., de 19, naturais de Colombia, Cuba e República Dominicana e residentes en Xixón. Están acusados de branqueo de capitais, falsidade documental, usurpación de estado civil e estafa continuada, da que resultaron vítimas taxistas residentes en diferentes puntos da xeografía nacional, ascendendo a estafa a máis de 65.000 euros.

A investigación foi dirixida polo Xulgado de Instrución de Sarria e o Xulgado de Instrución número 4 da Coruña, co apoio da Xefatura de Policía Xudicial da Dirección Xeral da Garda Civil e das Unidades Orgánicas de Policía Xudicial de Ourense, Pontevedra, Teruel, Córdoba, Xixón e Xaén.

MODUS OPERANDI. A organización recompilaba datos de profesionais do sector do taxi a través das redes sociais e posteriormente contactaba coa vítima seleccionada mediante unha chamada telefónica, utilizando múltiples liñas dadas de alta con identidades falsas ou usurpadas. 

Membros da organización facíanse pasar por un empregado dunha empresa aseguradora para solicitarlle ao taxista os seus servizos para o traslado dun asegurado que sufrira algún tipo de accidente. Aproveitando a relación de confianza existente entre aseguradoras e taxistas, a organización chegaba a pedirlle á vítima que afrontase o pago dalgunha prestación do seguro a favor das asegurado –habitacións de hotel ou billetes de avión– comentándolle que o diñeiro lle sería devolto posteriormente pola compañía de seguros.

Alegando que se trataba dunha "xestión urxente", a organización instaba aos taxistas a realizar ingresos a través de caixeiros automáticos. Dentro do proceso de engano, a vítima remite os códigos obtidos "suposta" aseguradora.

Posteriormente a rede consolida o engano ampliando a información desde unha conta de correo corporativa da aseguradora simulada, achegando unha serie de datos –como números de sinistro ou de pólizas– que axudan a dar aparencia de verosimilitud ao mesmo.

Os taxistas foron conscientes da estafa ao non atopar ás persoas a trasladar. Tras porse en contacto coa aseguradora real, esta informáballes de que non tiña coñecemento de tal situación.


BRANQUEO DO IMPORTE ESTAFADO. Posteriormente, o autor da estafa xeraba unha conta de usuario nun portal de apostas online que actuaba como unha conta virtual. 

Para xerar a conta, a organización usurpaba a identidade de traballadores do sector do taxi, que  facilitaran datos e fotografías coa súa documentación ao delincuente.

Nesta plataforma é onde os estafadores ingresaban directamente os códigos xerados polas plataformas de pago e realizaban as retiradas do diñeiro a través de caixeiros automáticos.

Comentarios