Desconvocada a folga indefinida no CHUO

Os traballadores ratifican o seu apoio unánime ao pacto alcanzado o domingo para poder cubrir baixas e vacacións para prestar o servizo, así como un incremento do persoal

Os traballadores do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e a empresa concesionaria do servizo Ferrovial confirmaron a suspensión "definitiva" da folga indefinida, que estaba previsto que arrincase a pasada madrugada, tras chegar a un acordo que contou co "apoio unánime" dos traballadores do servizo.

En senllas asembleas celebradas este luns, os traballadores ratificaron o seu apoio unánime ao pacto alcanzado o domingo entre as partes, por 166 votos a favor e ningún en contra, polo que a empresa acepta establecer un sistema de presenzas, non de persoas, adscritas a servizo o que implicará cubrir baixas e vacacións para prestar o servizo e un incremento do persoal o que lle suporá un desembolso próximo aos 200.000 euros.

Nun escrito, a presidenta do comité de empresa Pilar González (CC OO), agradeceu aos usuarios do CHUO a súa "comprensión" coas mobilizacións celebradas nos últimos días xunto co seu "apoio" ás reivindicacións nun servizo que cualificaron de "esencial" para poder prestar unha atención de calidade.

Segundo apuntou, as mobilizacións tiveron que ver coa necesidade de "incrementar recursos para racionalizar e equilibrar a excesiva e inasumible carga de traballo" dos traballadores relacionadas coa falta de persoal tras a apertura do novo edificio de hospitalización.

Con este pacto, cada operario pasa de limpar vinte e dúas habitacións a quince de luns a venres, vinte e dous os sábados e de 44 a 22 os domingos e festivos grazas ao aumento do número de traballadores. Ademais, o persoal increméntase entre trece e quince traballadoras.

Pese o acordo, CC OO lamentou "a falta de axilidade" e "desidia" do Sergas á hora de resolver o conflito neste servizo e advertiu de que podería ter entrañado un "risco para a saúde e benestar dos usuarios".

Comentarios