Deserto de novo o concurso para cubrir dúas prazas de Pediatría en Verín

Supón un novo pau para unha posible reapertura do paritorio
Hospital de Verín. GSV
photo_camera Hospital de Verín. GSV

O concurso convocado polo Sergas para cubrir dúas prazas de Pediatría no Hospital de Verín quedou deserto de novo ao non presentarse ningún candidato, á espera de coñecer se houbo algunha solicitude noutro rexistro da administración. O prazo para optar ás dúas prazas ofertadas polo Sergas finalizaba este martes pola noite, sen que se presentaron polo momento aspirantes, co que sería a segunda vez que o concurso queda deserto. A primeira foi o pasado mes de xuño.

Fontes da dirección hospitalaria de Ourense apuntaron que "non houbo solicitude" no rexistro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo), unha vez concluído o prazo. Con todo, aclararon que hai que esperar, dado que hai un prazo administrativo "de dous días" por se houbo algunha solicitude ben "en calquera outro rexistro da administración autonómica" ou por correo "ordinario", que estarían dentro do prazo.

Isto suporía un novo pau para unha posible reapertura do paritorio de Verín, como demandan os facultativos do hospital comarcal e os veciños. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, condicionara a posibilidade de reactivar o servizo de paritorio no Hospital Comarcal a se "hai pediatras", seguindo a recomendación dos obstetras e profesionais de Pediatría da área ourensá.

"Os veciños de Verín saben perfectamente que queremos abrir ese paritorio e que tivemos que suspender a actividade simplemente porque non temos os pediatras para os nenos que nacen en Verín", sostivo recentemente o titular da Xunta.

De momento, o PSOE ourensán anunciou que defenderá unha moción este venres no pleno municipal para pedir que o Goberno local (DO e PP) se sitúe "en contra do desmantelamento dos servizos sanitarios" en hospitais e centros de saúde do rural galego, recollendo "as queixas" dos profesionais sanitarios e veciños.

Este mércores está previsto que representantes do Grupo Común da Esquerda manteñan unha reunión cos traballadores do centro sanitario de Verín para abordar a súa situación, tras máis dun mes de peche nas instalacións.

Comentarios