Desestiman o recurso da moza de Poio rexeitada na Garda Civil por celíaca

Alba García tiña a "esperanza de que se resolvese" e considera que se trata dunha "grande inxustiza"

O Ministerio de Defensa desestimou o recurso interposto por Alba García, unha moza do municipio pontevedrés de Poio que foi rexeitada no acceso a exercer na Garda Civil por ser celiaca, reiterando que a súa enfermidade dixestiva faina non apta para ingresar nese corpo policial. "É unha total decepción. E máis cando tiña a esperanza de que se resolvese. Que che volvan a dicir que non é unha grande inxustiza", explicou este venres a moza nunha conferencia de prensa acompañada da súa nai, Pilar Revestido, e do seu avogado, Manuel Novás.

Para o letrado, a resposta de Defensa é "impresentable" e supón unha "discriminación real" que viola incluso o artigo 14 da Constitución, que segundo recordou recolle que todos os españois "son iguais ante a lei".

O Ministerio alega na súa resolución que a moza non impugnou "en ningún momento" as bases da convocatoria e que a súa exclusión está fundamentada no cadro médico que rexe este tipo de procesos selectivos.

Novás asegurou que non recorreu estas bases porque non recollían a celiaquía como causa de exclusión, igual que tampouco o fan as ordes de 2007 e 2009, publicadas no Boletín Oficial do Estado, que regulan estas incompatibilidades.

Ademais, o letrado lamentou que Defensa non considere os informes médicos de Alba, que acreditan que a celiaquía da moza foi detectada aos catro anos, non precisa de medicación ao estar controlada nin a invalida para cumprir coas súas funcións. "Se os consideraron non poderían dicir o que pon esta resolución", dixo.

Alba, indicou o seu avogado, superou todas as probas físicas de acceso e é deportista de alta competición desde nena, e sinalou que "se ela non o dixo ante o tribunal que era celiaca, agora estaría dentro e formándose na academia", algo que fixo "por honestidade e de boa fe".

A decisión de Defensa de manter a exclusión da moza, segundo o seu avogado, "vai en contra" dos actos do propio Goberno, presidido por Pedro Sánchez, que recentemente anunciou que os celiacos non serán apartados pola súa enfermidade, igual que xa non o son noutros corpos como a Policía Nacional, onde incluso se preparan menús aptos para eles.

Ante esta situación, engadiu o letrado, Alba e a súa familia seguirán loitando pola vía xudicial e presentarán un recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Justicia de Madrid. Ademais, pretenden iniciar unha mobilización política ante os representantes do Congreso dos Deputados "para que sexan conscientes desta inxustiza", concluíu o letrado.

Comentarios