Desmantelan un taller clandestino de armas de fogo en Pazos de Borbén

A Garda Civil realizou sete rexistros domiciliarios en Pontevedra, Vigo, Gondomar e a propia localidade na que se situaba o taller

A Garda Civil desmantelou no municipio de Pazos de Borbén un taller clandestino utilizado para a rehabilitación e reparación de armas de fogo e municións que despois eran vendidas de forma ilegal, informaron fontes do instituto armado.

No marco da Operación DUA foron detidas tres persoas e investigouse a outras dúas polos delitos de tráfico de armas, tenencia ilícita e depósito de armas, municións e explosivos.

Ademais, realizáronse sete rexistros domiciliarios en Pontevedra, Vigo, Pazos de Borbén e Gondomar, nos que a Garda Civil incautouse de preto de medio centenar de armas de fogo, máis de 8.500 cartuchos metálicos, 42 quilos de pólvora e numerosos canóns e pezas utilizadas para a manipulación das armas e a fabricación artesanal da munición.

A investigación permitiu dilucidar que un dos detidos tiña instalado na súa vivenda, situada en Pazos de Borbén, un taller clandestino dotado de todo tipo de maquinaria, ferramentas e pezas fundamentais para a reparación e manipulación das armas.

Tamén fabricaba de forma artesanal a munición metálica para as armas ilegais coas que traficaba, ante a imposibilidade de adquirila legalmente nunha armería.

Durante os rexistros, a Garda Civil localizou, coa axuda dun can do servizo cinolóxico, parte das armas envasadas ao baleiro nun dobre fondo practicado nunha parede construída con ladrillos.

A operación continúa aberta co fin de pescudar a orixe das armas que tiñan os números de serie borrados ou alterados. Éste é o segundo golpe policial ao tráfico ilícito de armas na provincia de Pontevedra nos últimos meses.

Nun caso precedente, a Garda Civil desmantelou un arsenal que un particular ocultaba na súa leira en Ponteareas.

Naquela operación foron incautadas 84 armas ilegais, entre elas subfusís,, fusís de asalto ou metralladoras, e 3.400 cartuchos metálicos de diferentes calibres. 

Comentarios