Detectados tres casos de Covid en Beariz relacionados cunha moza de México ingresada en Ourense

 Dous dos positivos tamén son importados e teñen nexo familiar coa moza hospitalizada
Hospital de Ourense, el Chou. EP
photo_camera O Hospital Universitario de Ourense. EP

O seguimento dun caso importado de Covid-19 nunha moza procedente de México, ingresada no Hospital Universitario de Ourense, levou a detectar tres positivos máis en Beariz, dous deles importados tamén. 

Atendendo á información facilitada pola área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, a moza procedente de México permanece ingresada no Hospital Universitario de Ourense "por unha patoloxía non relacionada co virus" e o resultado da PCR que se lle realizou foi positivo. 

Dos outros tres casos confirmados en Beariz, dous son "importados" e "con nexo familiar con esta". Todos os infectados permanecen "en illamento e seguimento domiciliario". 

As mesmas fontes apuntan que, debido a estes novos contaxios, ampliouse "o círculo de contactos", co obxectivo de limitar "o risco de novas infeccións" e "tomáronse medidas preventivas indicadas nos protocolos aplicables nesta situación".

Os responsables da área sanitaria ourensá instan á poboación a manter "a vixilancia" e "seguir cumprindo as instrucións das autoridades sanitarias" sobre a hixiene de mans frecuente, o emprego de máscara e a distancia de seguridade. 

Ademais, ante calquera síntoma "compatible coa infección", pide que se opte por quedar en casa "e evitar contacto con outras persoas ata recibir instrucións desde os seus centros de saúde ou PAC". 

Comentarios