Detida en Vigo unha sesaxenaria por atacar os axentes que a ían multar

Aparcou mal e propinou varios lapotes aos policías que a advertiron de que sería sancionada

Policía Local de Vigo. DP
photo_camera Policía Local de Vigo. DP

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a unha veciña da cidade, E.P.C., de 61 anos, como presunta autora dun delito de atentado contra axentes da autoridade, ao atacar aos policías que a ían multar por estar mal estacionada. Os feitos tiveron lugar na tarde do luns, cando varias dotacións do 092 acudiron á zona de Churruca tras recibir o aviso de que había varios coches mal aparcados, obstaculizando a circulación. 

Unha vez no lugar, na rúa Uruguai, os axentes comprobaron que había varios vehículos incorrectamente estacionados, polo que procederon a tramitar as correspondentes denuncias. Entre a liña de coches mal aparcados, saíu un turismo que se dispuña a marchar, e os axentes déronlle o alto para informar á súa condutora de que sería sancionada. 

Nese momento, a muller apagou o motor e deixou o coche no medio da calzada, comezando a gritar e a insultar os axentes, e facendo caso omiso das súas indicacións de que sacase o turismo de alí porque estaba a obstaculizar a vía.  Non só non se moveu, senón que seguiu increpando aos policías e incluso chegou a propinar varios lapotes a algún deles, cando intentaban facela entrar en razón. Por estes feitos, a señora foi detida. 

Comentarios