Detidas 31 persoas nunha operación contra o tráfico de drogas en Galicia e Castela e León

Nove dos arrestados foron enviados a prisión como xefes de tres grupos criminais

A Policía Nacional culminou "unha longa e laboriosa investigación" contra o tráfico de drogas que se saldou coa detención de 31 persoas de oito nacionalidades en distintas localidades de Galicia e de Castela e León. Nove dos arrestados foron enviados a prisión como xefes de tres grupos criminais, e non se descartan novas detencións. 

A operación, denominada Neón, comezou nos últimos meses de 2018, cando os axentes centraron as súas pescudas nun dos principais investigados, que rexentaba varios clubs de alterne próximos a Santiago. "Aproveitaba a relativa privacidade que achega este tipo de negocios para, presuntamente, traficar coa venda de cocaína polo miúdo", apunta a Policía. 

A duración temporal, así como a "complexidade" da operación Neón, é "unha consecuencia directa do modus operandi utilizado polo principal investigado e que consistía en gañarse a confianza dun provedor determinado para que deixáselle a sustancia estupefaciente de xeito fiado e, xusto antes de que a débeda contraída co mesmo fose demasiado elevada, buscaba un novo provedor ao que realizarlle a mesma xogada". 

A operación arrincou coas pescudas centradas nun home que rexentaba varios clubs de alterne próximos a Santiago

Ese modus operandi "facilitou que os axentes seguisen diferentes liñas de investigación, cada unha delas cunha rede de contactos independente e, por conseguinte, sen vinculación directa dunhas con outras, seguindo unha estrutura de tipo radial, que permitiu identificar presuntos provedores de cocaína en localidades como Sigüeiro, Santiago de Compostela e Ourense".

En Sigüeiro os axentes da comisaría compostelá desmantelaron "un importante punto de venda de cocaína", que abastecía a clientes de varias localidades e cuxas ramificacións estendían o seu ámbito máis aló da xeografía galega. Así, chegaban ata cidades como León e Palencia, onde xa contactaran con persoas para proceder alí á distribución da sustancia estupefaciente. Deste xeito, procedeuse á detención de cinco persoas e ingresaron en prisión dous dos "presuntos xefes". 

Mentres, en Santiago, os axentes da Comisaría Local detiveron oito persoas, entre eles tres provedores distintos do xerente dun club de alterne, así como outro provedor e veciño da localidade de Bandeira, que os axentes situaban nun chanzo superior aos anteriores. 

Catro dos detidos ingresaron en prisión, tras descubrir os investigadores que esa rama de investigación "dispuña de todo un armazón para distribuír a sustancia estupefaciente por diferentes barrios da cidade, incluso como a mesma estaba a realizar contactos con persoas en Alemaña, co fin de colocar sustancia estupefaciente no país xermano".

A operación desenvolveuse en seis fases pola "súa gran complexidade e envergadura"

As pescudas sobre outro dos provedores do xerente do club de alterne tamén permitiu desarticular unha "importante rede dedicada á venda de sustancias estupefacientes" en Ourense. Segundo a Policía, a organización chegou a realizar contactos con Portugal, Marrocos e Sevilla, e detectouse "que un dos seus xefes chegou a dirixir transaccións de cocaína desde República Dominicana". 

Esa liña de investigación derivou no arresto de 18 persoas que compuñan esa organización, dos que tres ingresaron en prisión. 

A operación Neón desenvolveuse en seis fases, debido a " gran complexidade e envergadura". Os axentes da comisaría de Santiago contaron coa colaboración de funcionarios pertencentes aos Grupos de Estupefacientes da Comisaría Provincial de Ourense e de León, así como da Xefatura Superior de Policía de Galicia. 

A investigación foi dirixida pola titular do xulgado de instrución número 1 de Ordes, que decretou o ingreso en prisión de nove persoas, considerados os xefes dos tres grupos criminais dun total de 31 detidos e tras realizar 25 rexistros domiciliarios.

Droga, diñeiro e armas
A operación permitiu localizar 1.450 gramos de cocaína, 865 de marihuana e 105 de haxix. Ademais, os axentes interviñeron máis de 42.000 euros en metálico, dous vehículos, 20 básculas de precisión, catro armas curtas, 305 cartuchos de armas curtas sen detonar e unha arma longa. 

Súmanse unha pistola eléctrica, un fusil de asalto simulado, armas brancas, puños americanos e dagas, entre outros. 

Comentarios