Detidas tres persoas e incautadas máis de 2.600 plantas de marihuana no Bolo

As plantas estaban repartidas en distintas habitacións por tamaño de crecemento ► Está previsto que os arrestados pasen este venres a disposición xudicial

Parte da marihuana incautada no Bolo. POLICÍA NACIONAL
photo_camera Parte da marihuana incautada no Bolo. POLICÍA NACIONAL

Axentes da Policía Nacional detiveron, no marco da Operación Turco, a tres homes como presuntos autores dun delito contra a saúde pública e outro de defraudación eléctrica nunha nave industrial da zona do Bolo (Ourense) nun operativo no que foron intervidas 2.642 plantas de marihuana

Segundo informou a Policía Nacional, o Grupo de Estupefacientes pertencente á Brigada Provincial de Policía Xudicial da Comisaría Provincial de Ourense no mes de maio do 2018 tivo coñecemento de que un cidadán de orixe turca "podería estar a buscar unha nave industrial ou leira rústica na provincia para utilizala posteriormente como plantación 'indoor' de marihuana". 

Dita persona tería a súa residencia en Portugal, onde estaba a ser vixiado pola policía portuguesa como presunto autor de tráfico de estupefacientes, e a súa especialidade era o cultivo de "marihuana". As mesmas fontes relataron, ademais, que se sospeitaba que se desprazaba a Ourense para localizar unha vivenda que reunise as "condicións apropiadas" para un futuro cultivo de marihuana en grandes cantidades e así expandir o seu negocio. 

Os axentes estableceron vixilancias despois do estudo e análise da información obtida e confirmaron que unha nave que "reúne as condicións adecuadas para ser utilizada para instalación dunha plantación 'indoor' de marihuana, de grandes dimensións e de difícil accesibilidade". 

As plantas estaban repartidas en distintas habitacións por tamaño de crecemento

O obxectivo principal foi sometido a vixilancias e seguimentos, o que posibilitou, asegura a Policía, a identificación doutras dúas persoas que toman parte nas mesmas actividades delituosas. Así, na madrugada do 27 de febreiro procedeuse á detención deste tres homes como presuntos autores dun delito contra a saúde pública e defraudación de fluído eléctrico.

REXISTRO. Ás 14.30 horas dese mesmo día realizouse a práctica dunha entrada e rexistro na nave, no que se comprobou que as instalacións estaban destinadas "ao cultivo de sustancia estupefaciente", neste caso marihuana. 

Alí localizaron un "laboratorio indoor" deseñado "perfectamente para manter o cultivo en calquera época do ano, con lámpadas, ventilación, filtros de carbono, reactancias e instrumentos que facilitan manter as condicións adecuadas das plantas", concretou a Policía.

As plantas estaban repartidas en distintas habitacións por tamaño de crecemento. A última habitación usábase como "o estadio de secado". Os axentes incautáronse de 2.642 plantas que teñen un peso de 65,8 quilos, así como de 35 quilos de cogollos e 5,220 quilos de restos de plantas, cun peso total de 106,2 quilogramos. 

Os detidos son tres homes naturais de Turquía de 22, 44 e 45 anos de idade que carecen de arrestos en España, pero aos que lles constan antecedentes en Portugal.

Está previsto que pasen este venres a disposición xudicial.