Un detido por encañonar e disparar contra un home no Pino: "Se te fas o valente déixote seco"

A agresión ocorreu en marzo e a vítima sufriu feridas na cabeza e torso

La escopeta utilizada en el asalto a un vecino de O Pino. EP
photo_camera A escopeta utilizada no asalto a un veciño do Pino. EP

A Garda Civil detivo un veciño de Teo de 47 anos —de iniciais R.B.C.— acusado de intento de homicidio por disparar cunha escopeta a un home ao que asaltou nas inmediacións da súa vivenda do Pino. A detención do presunto asaltante produciuse oito meses despois de que se iniciase a investigación para determinar o autor do disparo. A vítima, que sufriu feridas entre a cabeza e o torso, recuperouse no Hospital Clínico de Santiago, onde foi trasladada en helicóptero. 

O 27 de marzo, segundo informa a Benemérita este venres, o ferido foi encañonado "a plena luz do día" por unha persoa que o agardaba nas inmediacións de vivenda, situada no Pino. Segundo o seu relato, o asaltante portaba unha escopeta e obrigouno a entrar na súa casa baixo ameazas como "se te fas o valente déixote seco".  Ás portas da vivenda, o home decidiu entrar "de xeito súbito" e tratar de pechar a porta tras de si para impedir o acceso ao agresor. 

Nese momento, sempre segundo o relato que achega a Garda Civil, produciuse un forcexo entre vítima e asaltante, que disparou contra a porta. A potencia da arma fixo que os proxectís do cartucho da escopeta traspasasen a porta e impactasen contra o corpo da vítima, que sufriu feridas na cabeza e torso. A pesar diso, foi quen de chegar ao teléfono para alertar do sucedido aos servizos de urxencias, que mobilizaron un helicóptero que procedeu ao seu traslado ao hospital de Santiago.

DETIDO NO MILLADOIRO. A Garda Civil iniciou entón unha investigación para dar co autor do asalto. Un mes despois do suceso, unha patrulla da Benemérita deu o alto a unha persoa que circula nun coche con matrícula falsa. Este individuo, que resultou ser R.B.C., portaba unha escopeta escondida baixo o asento do condutor. A arma foi analizada na Comandancia da Garda Civil da Coruña, onde se acreditou que fora empregada no asalto do Pino. 

Ademais, tamén determinaron que a escopeta figuraba nos arquivos da Intervención de Armas como extraviada e que o seu propietario se atopaba fuxido por outros delitos non relacionados nin co feito nin co autor. A continuación, os investigadores pescudaron que R.B.C. fora durante anos parella da exmuller do propietario da escopeta e que esta fora subtraída polo agora detido unha vez finalizada a relación.

O detido permanece en prisión por orde do xulgado de instrución de Arzúa. 

Comentarios