Detido un furtivo da Coruña cun torpedo submarino para extraer percebe

A Xunta calcula que podía obter nunha xornada entre 3.000 e 5.000 euros de beneficio

Percebes incautados. POLICÍA AUTONÓMICA
photo_camera Percebes incautados. POLICÍA AUTONÓMICA

A Policía Autonómica de Galicia detivo a un furtivo habitual da Coruña que utilizaba un torpedo submarino para extraer percebes na zona entre Barrañán e o porto Exterior, así como a unha muller que facía labores de vixilancia.

Ao home impútaselle un delito contra a flora e a fauna pola extracción ilegal de percebe, segundo informa este mércores a Xunta.

O detido empregaba equipo de submarinismo profesional e un torpedo para desprazarse baixo a auga varios quilómetros, que chegaron a superar os dez, e evitar ser localizado.

Os percebes foron entregados á residencia Pai Rubinos

Cando chegaba á zona escollida, fondeaba o torpedo e comezaba a extracción ata que, obtida a cantidade desexada, regresaba ao momento de partida baixo a auga.

A Xunta calcula que podía obter nunha xornada entre 3.000 e 5.000 euros de beneficio.

No momento da detención comisouse un vehículo, un equipo completo de submarinismo, o torpedo que empregaba para desprazarse, varios útiles para a extracción e limpeza do molusco, así como 44 quilos de percebe de gran tamaño, que en lonxa poderían alcanzar un valor de 5.200 euros.

Os percebes foron entregados residencia Pai Rubinos, unha institución benéfica.

Comentarios