Detido en Gondomar tras intentar arroiar a axentes que lle deron o alto

O home conducía unha furgoneta sen levar posto o cinto de seguridade
O mozo detido en Gondomar. GARDA CIVIL
photo_camera O mozo detido en Gondomar. GARDA CIVIL

Axentes da Garda Civil detiveron un mozo tras realizar unha condución temeraria logo de intentar arroiar aos axentes de Tráfico que lle deron o alto ao ver que conducía unha furgoneta sen levar posto o cinto de seguridade no municipio de Gondomar. 

Segundo informou o Instituto Armado, na tarde do pasado domingo foi detido un veciño de Gondomar de 26 anos por un suposto delito contra a seguridade viaria e tentativa de atentado contra axentes da autoridade. 

Os feitos sucederon sobre as 13.30 horas no quilómetro 14,300 da estrada PO-331, ao seu paso polo termo municipal de Gondomar, cando unha patrulla de motoristas do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño observou como o condutor dunha furgoneta non facía uso do cinto de seguridade. 

Os axentes efectuaron entón un cambio de sentido e "indicaron de forma clara ao condutor que detivese a marcha utilizando inicialmente o sistema de luces prioritarias da motocicleta e, posteriormente, indicacións acústicas e incluso manuais", relataron as mesmas fontes. 

O condutor, en lugar de deter o vehículo, aumentou a súa velocidade e fixo caso omiso ás indicacións dos axentes. Así, comezou "unha fuga a gran velocidade na que estivo a piques de chocar con outros usuarios que circulaban en sentido contrario ao efectuar varios adiantamentos en curvas sen visibilidade", destacaron as mesmas fontes. 

Tras varios quilómetros de manobras "temerarias", indicou o Instituto Armado, o condutor "realizou freadas bruscas" e "volantazos con clara intención de tirar das motocicletas oficiais aos gardas civís".

SEGUI A PÉ. Instantes despois, na estrada PO-332, o condutor da furgoneta perdeu o control do seu vehículo ao tomar unha curva, chocou contra un muro e saíuse da vía. O mozo continuou a súa fuxida correndo monte a través e foi detido posteriormente polos axentes. 

Ao lugar dos feitos desprazouse o Grupo de Análise e Información de Tráfico (GIAT) do Subsector de Pontevedra, que instruíu as dilixencias polos delitos, que serán remitidas ao xulgado de Instrución de garda de Vigo. 

O condutor tamén foi denunciado por non renovar o seguro do seu automóbil. 

Comentarios