Detido tras unha longa persecución policial por Vigo, Mos e O Porriño

O suxeito, cuxo historial delituoso consta de 39 antecedentes policiais, deuse á fuga nun vehículo roubado

Policía Local de Vigo. DP
photo_camera Policía Local de Vigo. DP

A Policía Nacional detivo un home de 53 anos de idade como responsable dun delito de roubo de vehículo, outro delito contra a seguridade viaria, e un terceiro de atentado contra axente da autoridade, tras unha longa persecución policial que percorreu os termos municipais de Vigo, O Porriño e Mos.

Tal suceso desencadeouse á primeira hora da mañá cando unha dotación policial virou na rotonda de Isaac Peral e observou a un vehículo subido encima da beirarrúa coa porta do condutor aberta.

Un dos axentes saíu do vehículo policial para dirixirse ao condutor do vehículo e, tras ordenarlle que apagase o motor, este acelerou e saíu a toda velocidade cara a un dos axentes que tivo que saltar fóra da vía para evitar ser arroiado.

Nese momento iniciouse unha persecución pola autoestrada AP-9, en dirección Baiona, por onde circulou varios quilómetros ata o desvío para a autovía A-55, dirección O Porriño. Varios quilómetros despois desviouse por unha vía de servizo, na zona de Petelos (Mos).

O fuxido ía dando volantazos que provocaban que o resto de condutores tivesen que botarse fóra da vía para evitar unha colisión.

Os axentes, consta na nota remitida á prensa, afastáronse do vehículo para evitar riscos co resto de condutores á vez que deron aviso da súa localización aos demais indicativos.

O vehículo fora roubado, e o propietario xa estaba na comandancia realizando a correspondente denuncia.

A través doutra investigación paralela, os policías lograron identificar ao presunto autor do roubo, polo que se dirixiron ao domicilio deste, situado nun barrio próximo.

Ao chegar á casa viron no interior dun alpendre o vehículo fuxido, así como ao condutor, o cal ao decatarse da presenza policial saíu correndo cara á vivenda, sendo interceptado polos axentes a escasos metros.

Tras inmobilizalo, procederon á súa detención e traslado a dependencias policiais do Corpo Nacional de Policía en Vigo, á vez que se trasladaba o vehículo ao cuartel de Porriño.

A detido conta con 39 antecedentes policiais, ademais dunha orde de procura, detención e ingreso en prisión.