Detido por homicidio imprudente o condutor que causou o accidente mortal do Covelo

O mozo, de 21 anos, rivalizaba con outros dous condutores a semana pasada e acabou chocando de xeito frontal co coche no que viaxaba un matrimonio maior cos seus netos. A muller faleceu no acto
Accidente mortal de O Covelo. DP
photo_camera Accidente mortal de O Covelo. DP

Un veciño de Mondariz de 21 anos foi detido como suposto responsable do accidente de tráfico ocorrido cando participaba nun "pique" con outros dous condutores a semana pasada en Ou Covelo, no que faleceu unha muller e outras seis persoas resultaron feridas de diversa consideración. 

O accidente produciuse sobre as 20.00 horas do martes 21 de xullo, á altura do quilómetro 11 da estrada PO-261, cando dous turismos chocaron de xeito frontal. Nun dos vehículos viaxaba un matrimonio de avanzada idade cos seus netos e a muller faleceu practicamente no acto. 

A detención do condutor do vehículo que supostamente ocasionou o accidente levouna a cabo a Garda Civil o pasado venres 24 de xullo, aínda que non transcendeu ata este xoves. Ao arrestado atribúenselle os supostos delitos de homicidio por imprudencia, lesións e contra a seguridade viaria por conducir de forma temeraria, ao facelo a unha velocidade excesiva e con adiantamentos de forma antirreglamentaria. 

As investigacións foron realizadas polo Equipo de Atestadosdel Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño, xunto co Grupo de Información da Agrupación de Tráfico (GIAT) do Subsector de Pontevedra.

OUTROS DOUS CONDUTORES INVESTIGADOS. As pescudas tamén conduciron á investigación penal dos condutores doutros dous vehículos que supostamente participaban nunha "especie de pique" xunto co causante do accidente, "conducindo de forma manifestamente temeraria, nos instantes previos" ao sinistro, apunta un comunicado da Garda Civil de Pontevedra. 

A estes dous condutores notificóuselles a súa condición de investigados por un delito contra a seguridade viaria por conducir "de forma temeraria, velocidade excesiva e adiantamentos antirreglamentarios". 

A Garda Civil apunta que o condutor do vehículo que supostamente ocasionou o accidente enfróntase a unha pena de prisión dun a catro anos, así como a privación de conducir vehículos a motor ou ciclomotores dun a seis anos. 

Pola súa banda, as penas dos outros dous condutores poden supor condenas de prisión de seis meses a dous anos e privación de conducir vehículos a motor ou ciclomotores por tempo superior a un e ata seis anos. As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Ponteareas