Detido un mozo por supostamente dar unha puñada a outro en Ourense

A vítima foi atendida no lugar polo 061 e trasladada despois ao Complexo Hospitalario de Ourense, onde foi asistida por unha fractura de nariz, segundo indica o parte médico

A Policía Nacional detivo a un mozo de 19 anos, natural de Ourense, ao que lle consta unha detención anterior, por un presunto delito de lesións ocorrido na zona dos viños da cidade.  

Segundo informaron fontes do corpo, a pasada madrugada do día 12 de agosto, o exmozo da irmá do denunciante achegouse a este e comezouno a insultar no interior dun local. Posteriormente, ambos saíron do lugar e a exparella da irmá do denunciante intentou agredir a este, que evitou o golpe. Tras o sucedido, o mozo que acompañaba ao primeiro propinoulle unha puñada na cara ao denunciante.  A vítima foi atendida no lugar polo 061 e trasladada despois ao Complexo Hospitalario de Ourense, onde foi asistida por unha fractura de nariz, segundo indica o parte médico. 

Así as cousas, o Grupo de Investigación da Policía Nacional iniciou a investigación para o esclarecemento dos feitos e identificou e detivo ao presunto autor na tarde do 17 de agosto, que foi posto en liberdade en dependencias policiais. 
 

Comentarios